Luis López salienta a forza da automoción para o desenvolvemento económico da provincia na inauguración do Salón do Automóbil de Vigo

O presidente provincial referiuse á necesidade de seguir apoiando industrias eficientes e innovadoras coma Stellantis para que a provincia siga competindo entre os mellores fabricantes de vehículos de España e Europa

06/03/2024

Luis López inaugurando o Salón do Automóvil de Vigo

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, reivindicou a forza do sector do automóbil para o desenvolvemento económico e o fomento do emprego na cidade de Vigo, na súa área metropolitana e na provincia na inauguración da trixésimo terceira edición do Salón do Automóbil e da Motocicleta, que abriu as súas portas este mércores no Ifevi de Vigo. “A automoción é o motor da nosa economía e do noso emprego”, afirmou o mandatario provincial no seu discurso inaugural.

En referencia a Stellantis, López recoñeceu que Vigo conta cunha das factorías máis eficientes, profesionais e produtivas do país, arredor da cal están a medrar numerosas industrias auxiliares que son líderes en innovación e, do mesmo xeito, aumentan as exportacións desde o porto de Vigo, que o sitúan entre os máis activos de España. “Pero como todos os motores, para funcionar a pleno rendemento precisan combustible. Un combustible que non é fósil, que non contamina, pois é para fomentar a produción do vehículo eléctrico nesta planta de Balaídos. É un combustible que ten que chegar canto antes, en forma de fondos europeos e de apoio para que Stellantis, Vigo, a provincia e Galicia sigan competindo entre os mellores fabricantes de coches de España e Europa”, reclamou o presidente da Deputación de Pontevedra.

É esta tradición entre Vigo e o motor a que fai posible que o Salón do Automóbil e da Motocicleta faga 33 anos de historia na principal cidade de Galicia. Un evento no que as persoas asistentes poderán descubrir as mellores e actuais ofertas do mercado, no que as e os amantes das motos teñen tamén o seu espazo; ademais, é un plan para gozar en familia con atractivos coma unha exposición de coches deportivos.

“É unha cita para gozar do motor, de Vigo e da provincia, porque sempre se chega máis lonxe cando a automoción funciona”, concluíu Luis López e convidou a cidadanía a visitar este salón, que permanecerá aberto ata o vindeiro domingo 10 de marzo.

Galerias de imagenes