A Deputación abre este mércores a inscrición para participar nas Rutas das Maceiras en Flor

Os catro percorridos terán lugar o sábado 27 de abril e permitiranlle á cidadanía coñecer catro sidrerías singulares da Estrada

16/04/2024

Rutas das maceiras en flor 2024

A Deputación de Pontevedra abre este mércores a inscrición para participar nas Rutas das Maceiras en Flor. Serán, en total, catro percorridos que terán lugar o sábado 27 de abril e permitiranlle á cidadanía coñecer catro sidrerías singulares da Estrada (Rabiosa, Peroja, Ribela e Camino), concello líder na produción de mazá ecolóxica.

Todas as rutas comezarán coa visita á plantación de Callobre e á sobreira de Valiñas, un exemplar duns 300 anos de antigüidade situado no pazo do mesmo nome, cunha altura aproximada de 22 metros e un dos máis importantes desta especie en toda Galicia. Ao finalizar esta visita será o momento de coñecer unha das catro sidrerías participantes, na que se poderá gozar, ademais, dunha cata-degustación de produtos.

Cada unha das rutas contará con 40 prazas, é dicir, haberá un total de 160, que poderán reservarse no formulario que estará habilitado na web de Turismo Rías Baixas a partir deste mércores, 17 de abril, ás 9 horas. Outorgaranse por estrito orde de inscrición e só se poderán solicitar un máximo de 4 prazas por persoa. As visitas inclúen, ademais, o traslado en autobús desde Pontevedra (con saída e chegada desde a capela de San Roque), pero as persoas que o desexen tamén se poderán desprazar pola súa conta ata o punto de encontro.