A Deputación leva ao Palacete das Mendoza unha exposición pictórica que recolle o “camiño de vida” do pintor Howard Ross
A mostra “Inspiracións do Camiño”, do canadiano e afincado en Pontevedra, poderá visitarse na sala de exposicións da sede de Turismo Rías Baixas entre o 10 e o 26 de xullo
05/07/2026
A Deputación de Pontevedra abre ao público este venres 10 de xullo a exposición “Inspiracións do Camiño”, do pintor canadiano Howard Ross. Na mostra, que se poderá visitar na sala de exposicións do Palacete das Mendoza (sede de Turismo Rías Baixas) ata o 26 de xullo, Ross fai un xogo de palabras co Camiño de Santiago para dar a coñecer o “camiño da súa vida”.
A mostra “Inspiracións do Camiño” recolle cadros elaborados por Ross ao longo da súa carreira con diversidade de temáticas, nos que se reproducen desde paisaxes da súa época no Canadá ata escenas máis recentes e de natureza máis abstracta. Ross non fai traballo de campo, senón que pinta desde a súa imaxinación, aínda que os seus cadros sempre se baseen en algo real. Ademais, utiliza a espátula para borrar partes das súas obras e así solapar pinturas máis recentes sobre outras máis antigas, chegando ás veces a convivir ata catro ou cinco cadros nun. Este proceso, ademais, faino desde a absoluta espontaneidade, sen saber nunca cal será o resultado do borrado e a posterior mestura.
Ross naceu en Toronto, onde estudou Belas Artes na Universidade de Arte e Deseño, pero leva en Galicia preto de dúas décadas. Na actualidade vive en Poio e ten o seu estudo na cidade de Pontevedra. A súa traxectoria profesional como artista, especializado en pintura, suma máis de catro décadas con exposicións tanto individuais como colectivas. As súas obras atópanse en coleccións particulares de países como o Canadá e os Estados Unidos, Australia e Nova Zelandia, España, Portugal, Francia, a Alemaña, Italia, Chile ou o Xapón.
A exposición “Inspiracións do Camiño” poderá visitarse desde o acto de inauguración do venres e, a partir do sábado 11, no horario habitual da sede de Turismo Rías Baixas en temporada de verán: de luns a venres de 9:00 a 21:00 horas, en horario continuo, e os sábados, domingos e festivos en horario partido de 10:00 a 14:30 e de 16:30 a 20:00 horas.