A Deputación lidera o proxecto Activa Rural Transfronteirizo para impulsar a innovación nos coidados e o envellecemento activo no medio rural

O programa, cun orzamento de preto de 4,5 millóns de euros e financiado nun 75% con fondos FEDER, desenvolverase ata 2028 e contará coa participación de entidades de Galicia, outras comunidades autónomas e Portugal

22/04/2026

A Deputación lidera o proxecto Activa Rural Transfronteirizo para impulsar a innovación nos coidados e o envellecemento activo no medio rural

A Deputación de Pontevedra lidera o proxecto Activa Rural Transfronteirizo: Innovación e coidados para unha vida activa no medio rural transfronteirizo, unha iniciativa cun orzamento de preto de 4,5 millóns de euros que busca dar resposta aos retos derivados do envellecemento da poboación nas áreas rurais da fronteira entre España e Portugal. O deputado provincial Javier Tourís, xunto con responsables da Xunta de Galicia, participou na reunión de coordinación inicial deste proxecto aprobado na sétima convocatoria do Interreg Poctep 2021-2027, que está financiado nun 75 % con fondos FEDER e que se desenvolverá ata finais de 2028 en cooperación con entidades de Galicia, doutras comunidades autónomas e Portugal.

Activa Rural nace para facer fronte a retos como o envellecemento da poboación, a falta de acceso a servizos asistenciais, a fenda dixital ou a soidade non desexada, problemas especialmente presentes nas áreas rurais transfronteirizas e que condicionan a calidade de vida das persoas maiores. Ao respecto, o deputado de Fondos Europeos, Javier Tourís, salientou que se trata dunha iniciativa que “dá continuidade a unha liña de traballo que nos define como territorio: a cooperación entre institucións para afrontar retos compartidos”, e destacou que ademais “supón dar pasos cara adiante para garantir unha vida digna, activa e conectada para as persoas maiores no medio rural”. “Sabemos -engadiu o deputado-que nas áreas rurais existen dificultades e retos que teñen un impacto directo na calidade de vida das persoas, e este proxecto nace precisamente para dar unha resposta coordinada e innovadora a esa realidade”.

O proxecto aposta pola posta en marcha dun modelo de coidados inclusivo, accesible e sostible a través da creación das denominadas Aldeas Smarthaus, concibidas como laboratorios vivos de innovación en benestar, saúde comunitaria, coidados asistenciais e envellecemento activo. Este modelo inspírase nos principios da Nova Bauhaus Europea —sustentabilidade, inclusión e estética— e aposta pola integración de tecnoloxías asistenciais e dixitalización inclusiva con servizos de proximidade centrados na persoa.

A cooperación transfronteiriza será clave no desenvolvemento do proxecto, permitindo deseñar e implementar solucións conxuntas máis eficaces e resilientes. O obxectivo é garantir o acceso a servizos esenciais, fomentar a autonomía persoal, impulsar a participación comunitaria e contribuír ao desenvolvemento socioeconómico das áreas rurais.

O proxecto conta cun amplo consorcio de entidades. No ámbito español participan, ademais da Deputación de Pontevedra, a Universidade de Vigo, a Deputación de Ourense, a Universidade de Santiago de Compostela, a Dirección Xeral de Maiores da Xunta de Galicia, así como as deputacións de León e Cáceres. Pola parte portuguesa, forman parte do proxecto as comunidades intermunicipais do Alto Minho, Alto Tâmega e Barroso, Terras de Trás-os-Montes, Alto Alentejo, Beiras e Serra da Estrela e Beira Baixa, así como os institutos politécnicos de Bragança e Leiría. Ademais, a iniciativa conta con dous socios sen financiamento: o Centro de apoio á innovación tecnolóxica en intelixencia artificial para a transformación dixital e a Deputación de Zamora.

Galerias de imagenes