A deputada de Lingua reivindica o uso xeral do galego nos medios na entrega do V Premio Lueiro Rey de Xornalismo

María Ortega subliña a necesidade de que a lingua do país aborde tódalas temáticas e non só as relacionadas co propio idioma ou a cultura

29/05/2022

Premio Lueiro Rey

A deputada de Lingua María Ortega reivindicou hoxe o uso xeral do galego nos medios na entrega do V Premio Lueiro Rey de Xornalismo organizado polo Concello de Fornelos de Montes. A deputada nacionalista quixo subliñar a necesidade de que a lingua do país aborde tódalas temáticas e non só as relacionadas co propio idioma ou a cultura. Así mesmo, destacou a calidade literaria do texto do gañador da quinta edición, Ismael Ramos, e tamén da súa “soberbia” intervención de agradecemento no acto de hoxe relatando vivencias persoais, da que asegurou que, despois de escoitala, “só cabe o silencio para que as súas palabras resoen nas nosas cabezas”

María Ortega asegurou que o feito de que o premio de xornalismo Lueiro Rey exista significa, entre outras moitas, varias cousas relacionadas coa área que dirixe. A primeira é que hai interese dos gobernos locais pola escrita en galego. Manifestou o seu convencemento de que que as administracións deben impulsar o compromiso co idioma e subliñou que por iso a Deputación, dende o departamento de Lingua, “tenderá sempre a súa man para colaborar co Concello de Fornelos de Montes nas súas iniciativas e con outros que queiran potenciar a nosa lingua”.

En segundo lugar, a nacionalista destacou que o Lueiro Rei de xornalismo significa que hai persoas escritoras, xornalistas que, “a pesares de ir contracorrente, atopan oco para publicar en galego”. Salientou que a prensa é un estupendo altofalante para chegar a toda a cidadanía e por iso solicitou que haxa maior esforzo por facer chegar “a información, opinión, e textos na nosa lingua sen ver cal é a temática. E hoxe o galego, hai que recoñecelo, está relegado a segundo que seccións. Resulta difícil atopar escritos en galego que non teñan que ver coa cultura ou co folclore... incluso ás veces é tamén complexo comprender por que se traducen declaracións de persoas que certamente non falan noutra lingua que a do noso país”, dixo.

“Por iso que é fundamental recoñecer a importancia da escrita en galego nos medios de comunicación, e penso que atopar traballos de contido social, de denuncia social, redactados na lingua nosa nai fannos sentir coma nun oasis no medio do deserto”, salientou.

En canto ao traballo premiado, titulado "Mentres tanto, dáme a man", subliñou a súa satisfacción por estar escrito “por xente nova, por voces como a de Ismael Ramos que ofrece un xornalismo con tinturas literarias de calidade e gran talento, que ademais aborda un asunto como a visibilización da homofobia cunha perspectiva singular”. 

“Non podo máis que dar os parabéns ao xurado pola súa escolla nesta quinta edición do certame, á que desexo mil primaveras máis”, finalizou.
O poeta, profesor e columnista Ismael Ramos fíxose coPpremio de Xornalismo Lueiro Rey pola elección unánime do xurado, formado por Ramón Nicolás, Carme Vidal, Ramón Rozas e Carmen Carreiro.