Luis López anima a visitar o castelo de Soutomaior para participar nos actos sobre a camelia, que inclúen desde visitas guiadas ata degustacións de té desta planta

O presidente da Deputación presenta a programación da camelia, “unha experiencia 100 % Rías Baixas”, que se levará a cabo ao longo dos meses de febreiro e marzo

02/02/2024

Rolda de prensa de Luis López

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, deu a coñecer este venres a programación sobre a camelia no Castelo de Soutomaior. Un programa que se levará a cabo nos meses de febreiro e marzo e que consta de visitas guiadas para o público xeral e escolar, obradoiros de debuxo e degustacións de té de camelia. “Convido a toda a veciñanza e visitantes da provincia a que se acheguen neste final do inverno ao castelo de Soutomaior a gozar do espectáculo das camelias, a gozar dunha experiencia 100 % Rías Baixas”, sinalou o mandatario provincial despois de detallar as actividades previstas.

As visitas guiadas para o público xeral teñen un prezo de tres euros por persoa e unha duración de sesenta minutos; levaranse a cabo todos os martes e xoves en horario de tarde, ata o 26 de marzo. Pola súa banda, as visitas para escolares son gratuítas e terán lugar en quenda de mañá, todos os martes e venres ata o 22 de marzo. En ambos os dous casos, as visitas estarán dirixidas por persoal do castelo e centrarán o percorrido na floración da camelia, na evolución desta especie e na súa relación coa provincia de Pontevedra.

Os obradoiros de debuxo están fixados para o 11 e 18 de febreiro, así como para o 10, 17, 24 e 31 de marzo. Estas actividades están pensadas para familias con fillos maiores de tres anos, o seu prezo é de 8 euros e estarán dispoñibles 30 prazas. Nestes obradoiros, as e os participantes poderán coñecer a importancia e a diversidade das camelias na provincia de Pontevedra para, a continuación, representar estas plantas empregando as técnicas artísticas de pintores locais como Maruja Mallo, Seoane, José Frau ou María Antonia Dans.

No caso das degustacións de té de camelia, están previstas para os días 23 de febreiro e 22 de marzo, para un máximo de 25 persoas, cun prezo de 8 euros e unha duración aproximada de dúas horas. A actividade consistirá nunha visita guiada polos xardíns e o castelo prestándolles especial atención ás camelias e, despois, haberá unha degustación conducida por Carmen Salinero, presidenta da Sociedade Española da Camelia e directora da Estación Fitopatolóxica Areeiro, para coñecer o cultivo e a preparación do té de camelia.

Como é habitual, para participar en calquera destas actividades, as persoas interesadas deben solicitar cita previa e mercar a entrada a través da páxina web oficial do castelo de Soutomaior, www.castelodesoutomaior.com.

videos

audios