Luis López asina co alcalde de Pontevedra un investimento de 353.500€ para a actualizar a administración electrónica municipal e renovar a herba en dous campos da Xunqueira
O mandatario provincial, xunto co vicepresidente Rafa Domínguez, rubrica dous acordos para financiar ao 100 % dúas actuacións que mellorarán os servizos públicos en eidos estratéxicos para a Deputación, como son a dixitalización e as instalacións deportivas
15/07/2025
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, vén de asinar este martes dous convenios de colaboración co alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, a través dos cales o organismo provincial achega un total de 353.500 euros para o financiamento do 100 % de dous proxectos que mellorarán os servizos públicos prestados a veciñanza. A Deputación achega 210.500 euros para a actualización do sistema de xestión da base de datos corporativa do Concello e 143.000 euros para a renovación do céspede artificial dos dous campos de fútbol 8 do complexo deportivo Manolo Barreiro da Xunqueira. "Son dous convenios para dous proxectos que van ser financiados ao 100 % con fondos da Deputación e cos que damos pasos adiante en dous dos nosos piares: a dixitalización e a mellora de instalacións deportivas", sinalou o presidente Luis López.
O acto de sinatura destes dous acordos tivo lugar nun dos terreos de xogo que serán renovados con estes investimentos e no que tamén estivo presente o vicepresidente provincial Rafa Domínguez e outros membros do goberno local. "Se somos a provincia do deporte, Pontevedra é a cidade do deporte", afirmou López, quen lembrou, ademais dos 2,5 millóns de euros que destina cada ano a Deputación para financiar convenios co Concello de Pontevedra, o apoio a eventos estratéxicos como os mundiais de tríatlon ou a acollida da gala de entrega dos Premios Feroz. "Sempre nos atopamos a man tendida por parte do Concello. O alcalde entende que desde a colaboración leal se poden dar pasos nos que os grandes beneficiados son os veciños", valorou López. Unha vontade de cooperación institucional á que tamén se referiu o rexedor pontevedrés.
Con respecto aos convenios asinados, a actualización do Sistema de Xestión da Base de Datos Corporativa do Concello de Pontevedra servirá para garantir unha maior eficiencia e seguridade na administración electrónica municipal. Mentres que a renovación do céspede artificial dos campos de fútbol 8 servirán para dar un mellor servizo ao complexo deportivo con máis uso do municipio.
Neste sentido, o presidente provincial quixo recoñecer o labor do vicepresidente Rafa Domínguez tanto na tramitación destes convenios como no seu traballo á fronte do Museo de Pontevedra, do proxecto de rehabilitación de Santa Clara e en todos os proxectos relacionados coa capital da provincia nos que está involucrada a Deputación polo "seu compromiso e a súa capacidade para traballar e mellorar a cidade".
"Se hai discrepancias, as solucionamos; se hai obstáculos, os superamos; e as metas, camiñando xuntos, acadámolas", concluíu Luis López, quen garantiu a continuidade da colaboración da Deputación en todos os proxectos que sexan beneficiosos para a cidade. "Xa estamos pensando cal vai ser o seguinte lugar no que asinemos os convenios, porque a colaboración entre a Deputación e o Concello seguirá existindo", rematou o presidente.
