Luis López felicita a Portas por dar unha “nova vida” á antiga Casa Consistorial e por homenaxear a unha pioneira como Concepción Pérez, a primeira alcaldesa galega

O presidente provincial, xunto co alcalde e deputado Ricardo Martínez, inaugura unha obra do novo edificio, “exemplo do potencial da rehabilitación”, que contará con nova cuberta e illamento e espazos máis funcionais para uso veciñal

02/02/2026

Luis López inauguración casa consistorial portas pon2030

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, destaca o investimento de máis de 230.000 euros por parte do organismo provincial que serviu para o financiamento da totalidade do custo da obra rehabilitación da antiga Casa Consistorial de Portas a través da combinación dos recursos dos plans PON2030 e +Provincia do organismo provincial. “É moi gratificante para un servidor público ver como os proxectos pasan do papel ao terreo. Feitos que demostran que cando á fronte de concellos como o de Portas hai un equipo serio e un alcalde que é exemplo de traballo e liderado, as obras acaban facéndose realidade en tempo e forma”, afirmou o mandatario provincial para recoñecer o labor do rexedor e deputado provincial, Ricardo Martínez, quen tamén participou nunha inauguración á que asistiron decenas de veciños.

O obra tivo un custo duns 231.000 euros, dos que 176.500 achegounos a Deputación ao abeiro do PON2030 e os 54.500 euros restantes a través da anualidade do 2024 do Plan +Provincia. A intervención centrouse na rehabilitación deste antigo inmoble para convertelo nun edificio eficiente no ámbito enerxético, cunha nova cuberta, novas portas e ventás e con calefacción e ventilación para afrontar as temperaturas baixas ou as altas. Unha actuación xa finalizada que serve para entregar á veciñanza un novo edificio público de calidade, moderno e adaptado aos novos tempos. “Foi un proxecto complexo e valorado en máis de 230.000 euros, financiado ao 100 % pola Deputación”, subliñou López.

Ademais de mellorar os servizos públicos, coa inauguración da antiga Casa Consistorial de Portas réndese homenaxe a unha figura histórico para o Concello e o municipalismo de Galicia. O inmoble leva o nome de Concepción Pérez Iglesias, coñecida como Dona Concha, a primeira alcaldesa da historia de Portas e de Galicia. “A Deputación e o Concello estamos a resituar a figura de Dona Concha para poñela no lugar onde merece, mestra querida, e figura pioneira na política e na igualdade”, afirmou o presidente provincial.

A colaboración da Deputación co Concello de Portas non se limita unicamente a esta obra. Despois de citar proxectos que están en marcha e no que ambas as administracións colaboran, como o da rehabilitación dun edificio para a instalar a escola de música por valor de 0,5M€ ou a mellora da EP-8101 entre Portas e Romai valorada en case 1,4M€; o presidente provincial reafirmou o compromiso da Deputación cos 61 concellos da provincia, en concreto co de Portas que pode recibir este ano un total de 1,37M€ a través dos distintos plans de cooperación da administración provincial.

Galerias de imagenes