Luis López incide na importancia de visibilizar o liderado feminino no ámbito científico con motivo do Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia

O presidente da Deputación remarca a necesidade de achegarlles ás nenas nomes de mulleres referentes nas STEAM e “recoñecer o papel clave que desenvolven na comunidade científica e tecnolóxica”

11/02/2024

Luis López incide na importancia de visibilizar o liderado feminino no ámbito científico

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, reuniuse esta semana co presidente e a vicepresidenta da Real Academia Galega de Ciencias, Juan Manuel Lema e Alicia Estévez, para tender pontes e abordar vías de colaboración entre ambas as institucións. Na xuntanza, aproveitando a conmemoración do Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia, o presidente incidiu na importancia de visibilizar o liderado feminino no ámbito científico e na necesidade de achegarlles ás nenas nomes de mulleres referentes nas STEAM.

“É unha obriga recoñecer o papel clave que desenvolven as mulleres na comunidade científica e tecnolóxica —aseguroulles Luis López ao presidente e vicepresidenta da Real Academia Galega de Ciencias— e por iso debemos afondar en vías de colaboración conxuntas encamiñadas a eliminar estereotipos de xénero nas STEAM, pero tamén a achegarlle a ciencia á sociedade e darlles a coñecer ás e aos máis cativos o papel que desenvolven as mulleres nestes ámbitos”.

Luis López remarcou o feito de que este ano o Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia, declarado por Nacións Unidas, xire arredor do papel das mulleres no desenvolvemento sostible e, ao respecto, asegurou que “debemos debater sobre o liderado feminino en tres piares fundamentais para conseguilo: a prosperidade económica, a xustiza social e a integridade medioambiental”.