Luis López amosa o apoio da Deputación á promoción da galeguidade ao ser distinguido como novo confrade da Enxebre Orde da Vieira

16/03/2024

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, foi distinguido este sábado como novo confrade da Enxebre Orde da Vieira. O mandatario provincial recibiu este recoñecemento na tradicional gala que organiza a Fundación Cultural da Vieira en Madrid e que este ano celebrou a súa edición número 56. No momento de recoller a súa capa e broche da vieira, o titular do organismo provincial estivo apadriñado polo ex-conselleiro e tamén veciño de Rodeiro, Xesús Palmou.

Coa súa participación nesta cerimonia, que ten o obxectivo de potenciar a galeguidade e recoñecer o labor a prol da cultura galega que desenvolven profesionais e entidades de todos os ámbitos dentro e fóra das fronteiras de Galicia, Luis López amosou o seu orgullo por ser nomeado embaixador desta orde e comprometeuse a seguir divulgando as bondades dun produto, a vieira, que é símbolo da gastronomía da provincia e de Galicia.

Do mesmo xeito, reafirmou o compromiso da Deputación de Pontevedra para seguir colaborando coa Orde da Vieira na protección e fomento da cultura galega.

Galerias de imagenes