Luis López fai súas as demandas dos alcaldes do Pacto de Pedre para reclamar ao Goberno a mellora integral da estrada N-541

O presidente da Deputación de Pontevedra mantivo este luns un encontro cos rexedores dos municipios afectados aos que lle mostrou o apoio e a colaboración do goberno provincial a todas as súas peticións

02/10/2023

Pacto de Pedre

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, fixo súas as demandas dos alcaldes do coñecido Pacto de Pedre para reclamar a mellora integral da N-541 poñendo fin dunha vez por todas aos problemas de seguridade viaria que afectan a unha estrada que vertebra as comunicacións no nordeste da provincia e entre as cidades de Ourense e Pontevedra. O mandatario provincial recibiu este luns aos rexedores dos municipios implicados nesta loita, aos que lle amosou o seu máximo apoio e compromiso para colaborar en acadar os obxectivos.

“Non queremos unha estrada tantas veces motivo de loito. Non queremos máis xornadas como a da pasada Noiteboa, con aquel fatídico accidente de autobús”, explicou o presidente as razóns desta unión. “O Pacto de Pedre é unha unión por riba de cores políticas, que ten o único obxectivo de acabar coa inseguridade dunha estrada que leva demasiados anos xerando dor e rompendo familias. E neste pacto, todos temos cabida”, subliñou.

Na reunión que tivo lugar este luns no pazo provincial estiveron presentes alcaldes e representantes dos concellos de Punxín, O Irixo, Beariz, Maside, Boborás e Cerdedo-Cotobade. Non puido asistir o rexedor do Carballiño, que xustificou a súa ausencia.

O encontro serviu para reafirmar o apoio da Deputación ás demandas destes sete alcaldes. “A Deputación é a casa dos concellos, se hai unha reivindicación dos alcaldes ou queren trasladar a algunha petición a outra administración, a Deputación de Pontevedra estará con eles”, insistiu Luis López para amosar o seu pleno apoio ás peticións destes mandatarios en todo o relacionado coa seguridade viaria na N-541.

Entre as demandas que se abordaron no encontro na Deputación e que serán sometidos ao próximo pleno provincial figuran a petición ao Goberno dos recursos necesarios para unha intervención integral ao longo de toda a estrada que inclúa a renovación da capa de rodaxe dun pavimento agretado e sen adherencia, a mellora da sinalización vertical e horizontal e a solución aos problemas de visibilidade. Así como o estudo das posibilidades dunha vía alternativa que mellore a vertebración da parte nordeste da provincia.

Galerias de imagenes