Luis López salienta o labor formativo do Carlos Oroza para enriquecer a oferta gastronómica da provincia, unha das fortalezas do destino turístico Rías Baixas

O presidente provincial participou na entrega de premios do Campionato de Sumillería Suso Domínguez que tivo lugar este venres no centro pontevedrés

07/03/2024

Luis López no Carlos Oroza

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, resaltou o peso da gastronomía na oferta turística da provincia e tamén no crecemento do destino Rías Baixas durante a celebración da décima edición do Campionato de Sumillería Suso Domínguez que tivo lugar este xoves no centro Carlos Oroza. Un certame no que o mandatario provincial foi o encargado de entregarlles un dos premios ás persoas gañadoras. “A gastronomía é unha das grandes fortalezas do destino turístico Rías Baixas e cos profesionais que saen cada ano destas aulas podemos estar seguros de que o seguirá sendo durante moitos anos”, augurou Luis López ao remate do concurso.

Nun campionato no que participaron sumilleres de todo o país, o presidente provincial aproveitou a ocasión para poñer en valor os viños elaborados na provincia. “Nas Rías Baixas elaboramos uns dos mellores viños do país”, afirmou Luis López, que tamén salientou outros atractivos da provincia para completar a oferta. “Degustar unha copa de albariño do Rosal, maridada cunhas ameixas do Carril, ollando unha posta de sol en Cabo Home... é unha experiencia 100 % Rías Baixas coa que non se pode competir”, sinalou o dirixente da Deputación antes de felicitar a todas as persoas participantes e amosar a súa esperanza de que “os nosos viños Rías Baixas estean entre os vosos favoritos”.

Nunha cerimonia na que tamén participaron a deputada provincial de Turismo, Nava Castro, o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, e o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, o presidente López quixo resaltar a excelencia formativa nas titulacións que se imparten neste centro de formación profesional da cidade de Pontevedra. “É un orgullo comprobar como o Carlos Oroza se afianza cada día máis como un centro de formación de referencia en España para todo o sector da hostalería. Desde a cociña ata a atencións nas salas dos restaurantes e, por suposto, tamén na sumillería”, recoñeceu o dirixente do organismo provincial.

Luis López rematou a súa intervención agradécendolle, en nome da Deputación, á Dirección e aos profesionais do Carlos Oroza o seu labor, e animando o alumnado a seguir medrando na súa formación e a manter o compromiso pola “difusión e posta en valor do noso produto e da nosa gastronomía”. Finalmente, quixo remarcar a tradición vinícola da provincia, que fai que “os ollos do enoturismo miren cara ás Rías Baixas”. 

Galerias de imagenes