Luis López define o caldo de Mourente como “símbolo da nosa gastronomía e da nosa cultura” ao recibir a capa de novo cabaleiro da Orde do Caldo Galego

O presidente provincial recibiu esta distinción xunto ao vicepresidente, Rafa Domínguez, na tradicional cerimonia anual organizada no Edificio Castelao do Museo de Pontevedra

09/03/2024

Luis López na festa do caldo de Mourente

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, recibiu este sábado a capa de novo cabaleiro da Orde do Caldo Galego nunha cerimonia que se tivo lugar no Edificio Castelao do Museo de Pontevedra e na que o mandatario provincial definiu esta tradicional festa gastronómica, que vai xa pola súa 32.ª edición, como “un símbolo da nosa gastronomía, un sinónimo de unión familiar, un exemplo de sostibilidade e unha mostra da nosa cultura”.

Luis López, que recibiu esta distinción xunto ao vicepresidente da Deputación, Rafa Domínguez, o presidente de APE Galicia, José Ramón Caldas, a tenente de alcalde de Pontevedra, Eva Villaverde, a concelleira de Xestión Ambiental e Territorial do Concello de Pontevedra, María Xosé Abilleira, e o xeneral xefe da Brigada “Galicia VII”, Alfonso Pardo de Santayana Galbis, amosou o seu orgullo polo recoñecemento. “Recibir hoxe esta capa, acompañado por estes ilustres veciños e veciñas de capa Pontevedra, é unha verdadeira honra; un recoñecemento que asumo con enorme agrado e coa responsabilidade que supón para dar a coñecer as bondades dunha preparación que é moito máis ca unha receita”, confesou o dirixente.

Neste sentido, o presidente provincial agradeceu a achega dos promotores desta festa, a Asociación de Veciños O Castro e a Orde da Confraría do Caldo Galego, para enriquecer a gastronomía da provincia, que é unha das grandes fortalezas turísticas da Rías Baixas. Do mesmo xeito, destacou a longa tradición e arraigo desta celebración. “Levan 32 anos coidando e potenciando unha marca, o caldo de Mourente, que é patrimonio de todos os pontevedreses e símbolo da nosa gastronomía”, sinalou Luis López.

“Os pontevedreses somos un pobo ao que nos gusta coidar das nosas tradicións, que gozamos da nosa gastronomía e que festexamos reunirnos cos nosos achegados. Pois isto é a Festa do Caldo Galego”, resumiu o presidente López o espírito dunha festa á que lle augura, “como mínimo, 32 edicións máis”.

Galerias de imaxes