Luis López anuncia unha breve viaxe institucional a Nova York para participar en actos de posta en valor da cultura e a gastronomía da provincia
O presidente da Deputación informou da súa presenza na inauguración da exposición “A distancia que une”, do cambadés Manolo Paz, e na Feira do Cocido que organiza o Concello de Lalín na Casa de Galicia de Nova York
24/04/2026
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, anunciou este venres que “este sábado comezarei unha breve viaxe institucional a Nova York para participar en dous actos relevantes para a cultura e a gastronomía da nosa provincia”, cos que “mentres a xente vén ás Rías Baixas, as Rías Baixas tamén percorren o mundo”.
O primeiro acto no que participará o presidente será mañá, sábado 25 de abril ás 17:00 horas españolas, coa inauguración da exposición “A distancia que une”, do escultor cambadés Manolo Paz. Consistirá en dúas pezas icónicas que estarán dispoñibles para o público en Park Avenue, en Manhattan. “Será unha oportunidade de ouro para que a nosa cultura volva brillar desde un dos centros da cultura e do mundo occidental”, sinalou Luis López, que lembrou que o escultor viviu e se formou na Gran Mazá.
Tamén o sábado, o presidente da Deputación asistirá á recepción prevista pola Cónsul de España na cidade, “como adoita ser habitual cando emprendemos algunha viaxe ao estranxeiro, e que sempre reporta intercambio de pareceres e de experiencias interesantes para a provincia”, sinalou López.
Por último, “o domingo participaremos na Feira do Cocido de Lalín, na Casa de Galicia de Nova York”. Trátase dunha iniciativa “pilotada polo Concello de Lalín para divulgar este prato tan simbólico nas Rías Baixas e compartir unha xornada con centos de residentes galegos no exterior”. O martes, xa de regreso, Luis López asegurou que “retomaremos a axenda e continuaremos coa intensa actividade habitual, xa nas Rías Baixas”.
