Luisa Sánchez reafirma o seu compromiso coa construción dun campo de béisbol en Vigo durante o Old Star Game
04/07/2026
A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra e deputada de Deportes, Luisa Sánchez, presenciou este sábado o partido Old Star Game celebrado no Colexio Marcote, en Cabral. O encontro reuniu a xogadores dos Rías Baixas e Runners BC, clubs vigueses xa desaparecidos, xunto aos actuais integrantes do Trasnos BC para reivindicar a construción dun campo homologado na cidade. Do mesmo xeito, a cita serviu para poñer en valor a historia desta disciplina en Vigo e para recoñecer a deportistas que acadaron importantes éxitos deportivos malia a falta dunhas instalacións adecuadas na cidade. Luisa Sánchez recordou que a institución provincial xa propuxo ao Concello de Vigo financiar conxuntamente a construción dun campo de béisbol na zona de As Plantas. Con todo, o goberno local non respondeu a esa suxestión.
