A Deputación reúne o movemento veciñal de Gondomar na xornada +Convivir para poñer en valor o seu compromiso coa dinamización da vida sociocultural da vila

O deputado de Acción Comunitaria, Javier Tourís, participou nas actividades que tiveron lugar no Centro Cultural de Vincios, onde se deron cita máis de 150 persoas da vila

08/11/2025

A Deputación de Pontevedra acaba de organizar unha xornada de convivencia e homenaxe ao movemento veciñal de Gondomar no marco do programa +Convivir. Ao redor de máis de 150 persoas déronse cita no Centro Cultural de Vincios para asistir ás actividades organizadas pola institución provincial, que contaron coa asistencia do deputado provincial de Acción Comunitaria, Javier Tourís.

O deputado lembrou que esta xornada forma parte da segunda edición do programa, que despois de pasar por Gondomar, continuará pola xeografía provincial “para poñer en valor a importancia de xuntarnos, de tecer lazos e xerar espazos de encontro para impulsar o avance desta provincia extraordinaria”. Tourís definiu +Convivir como “unha tarde única de convivencia, aprendizaxe e diversión” coa que agradecer “o voso compromiso e a vosa implicación para dinamizar a vida social e cultural de Gondomar”, e que vai na liña da senda de recuperación do contacto entre a Deputación de Pontevedra e o tecido asociativo da provincia con programas como Provincia Comunitaria, +Aqua ou +Novaqua.

Durante esta xornada lúdica, tamén houbo lugar para a aprendizaxe. Neste eido, desenvolveuse unha charla sobre o alzhéimer e un obradoiro de primeiros auxilios, así como unha sesión de ximnasia de mantemento. A xornada completouse con música, a cargo de Manu do grupo Adrede, e cun refrixerio para as persoas asistentes.

+Convivir é un programa provincial co que a Deputación de Pontevedra demostra o seu compromiso co tecido asociativo veciñal e que enxalza o papel que este desenvolve para o avance da provincia. Ademais de Fornelos de Montes, Redondela, Salceda de Caselas, A Lama, Baiona, Rodeiro, Ribadumia, Bueu e Gondomar, o programa chegará este ano a Tui. O pasado ano preto de 4.000 persoas desfrutaron das sete citas organizadas pola institución provincial.

 

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 12 resultados.