A Deputación reúne a 200 persoas de Covelo na xornada +Convivir para poñer en valor o compromiso do movemento veciñal coa dinamización da vida sociocultural da vila
O deputado de Acción Comunitaria, Javier Tourís, participou nas actividades que tiveron lugar no Pavillón municipal. Despois de pasar pola vila e tras percorrer outros dez concellos da provincia, +Convivir pecharase este ano en Forcarei
29/11/2025
A Deputación de Pontevedra acaba de organizar unha xornada de convivencia e homenaxe ao movemento veciñal de Covelo no marco do programa +Convivir. Arredor de 200 persoas déronse cita no Pavillón municipal para asistir ás actividades organizadas pola institución provincial, que tamén contaron coa asistencia do deputado provincial de Acción Comunitaria, Javier Tourís.
Javier Tourís lembrou que esta xornada forma parte da segunda edición do programa, que despois de pasar por Covelo, continuará pola xeografía provincial “para poñer en valor a importancia de xuntarnos, de tecer lazos e xerar espazos de encontro para impulsar o avance desta provincia extraordinaria”. O deputado provincial definiu +Convivir como “unha tarde única de convivencia, aprendizaxe e diversión” coa que agradecer “o voso compromiso e a vosa implicación para dinamizar a vida social e cultural de Covelo”, e que vai na liña da senda de recuperación do contacto co tecido asociativo da provincia con programa como Provincia Comunitaria, +Aqua ou +Novaqua.
Durante esta xornada lúdica, tamén houbo lugar para a aprendizaxe. Neste eido, desenvolveuse unha charla sobre nutrición, un obradoiro de risoterapia e unha sesión de zumba. Completouse a sesión do programa da Deputación de Pontevedra +Convivir con música e cun refrixerio para as persoas asistentes.
Con esta iniciativa, o organismo provincial quere poñer en valor, unha vez máis, o seu compromiso co tecido asociativo veciñal e enxalzar o papel que este desenvolve para o avance da provincia. Ademais de Fornelos de Montes, Redondela, Salceda de Caselas, A Lama, Baiona, Rodeiro, Ribadumia, Bueu, Gondomar, Tui e agora Covelo, o programa pecharase este ano en Forcarei. O pasado ano preto de 4.000 persoas desfrutaron das sete citas organizadas pola institución provincial.