A Deputación leva este martes a Silleda o circuíto +Escénicas cun espectáculo de clown para toda a familia

“Clownamorado”, de Rudi Rudi, representarase ás 17:00 horas na Praza Siñor Afranio

20/12/2025

A Deputación de Pontevedra leva este martes 23 de decembro o circuíto +Escénicas ao Concello de Silleda da man dun espectáculo de clown para toda a familia, a cargo de Rudi Rudi. Trátase dunha actuación enmarcada na segunda edición desta iniciativa provincial, que apoia a programación de teatro e danza nos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia cun orzamento de 195.000 euros, 45.000 euros máis que na súa primeira convocatoria. “Clownamorado”, que se representará na Praza Siñor Afranio ás 17:00 horas, é un espectáculo no que un clown namórase totalmente dunha persoa do público. Esta situación provoca que o espectáculo saia do revés xa que o seu corazón vai a mil, ponse tímido e nervioso, perde a concentración e canto máis intenta impresionar á persoa da que está namorado, máis aumenta o caos. Co circuíto +Escénicas, a Deputación dá resposta á demanda que o sector profesional vén facendo desde fai máis de 15 anos. Tralo éxito da primeira edición, entre abril de 2025 e marzo de 2026 representaranse un total de 136 funcións, escollidas entre un catálogo de espectáculos dispoñible no sitio web da Deputación de Pontevedra, en 50 concellos da provincia de Pontevedra.