A Deputación leva este martes a Cuntis e Barro o circuíto +Escénicas con dous espectáculos para todos os públicos

“Superheroe”, de Fran Rei, representarase ás 17:30 horas na Casa da Cultura Roberto Blanco Torres de Cuntis, e “Molto barroco”, de Píscore, farao ás 20:00 horas no Pazo municipal de Barro

20/12/2025

A Deputación de Pontevedra leva este martes 23 de decembro o circuíto +Escénicas ao Concello de Cuntis coa obra “Superheroe”, a cargo do pallaso Fran Rei, e ao Concello de Barro co espectáculo “Molto barroco”, da man da compañía Píscore Teatro. Trátanse de dúas actuacións enmarcadas na segunda edición desta iniciativa provincial, que apoia a programación de teatro e danza nos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia cun orzamento de 195.000 euros, 45.000 euros máis que na súa primeira convocatoria. “Superheroe” representarase ás 17:30 horas na Casa da Cultura Roberto Blanco Torres de Cuntis, e trátase dunha peza teatral que bebe da influencia cinematográfica e do universo das e dos superheroes, xunto coas experiencias persoais de Fran Rei arredor da paternidade. Deste xeito, Rei dálle vida a un superheroe que intenta compaxinar os coidados dos seus fillos coas fazañas que leva a cabo para salvar o mundo dos perigos aos que se enfronta. Pola súa banda, “Molto barroco” terá lugar ás 20:00 horas no Pazo municipal de Barro, e fai un percorrido pola música barroca acompañado de escenas cómicas. O espectáculo está ambientado nunha corte real europea de mediados do século XVIII, habitada polo rei, a raíña, o bufón e un compositor que se reúne nunha pequena estancia con tres dos seus músicos para sacar adiante os encargos musicais do monarca. Co circuíto +Escénicas, a Deputación dá resposta á demanda que o sector profesional vén facendo desde fai máis de 15 anos. Tralo éxito da primeira edición, entre abril de 2025 e marzo de 2026 representaranse un total de 136 funcións, escollidas entre un catálogo de espectáculos dispoñible no sitio web da Deputación de Pontevedra, en 50 concellos da provincia de Pontevedra.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 4 resultados.