A Deputación concédelle 20.000 euros ao Concello de Lalín para mellorar o pavimento da pista de atletismo do estadio Manuel Anxo Cortizo

A estes recursos do Plan extraordinario de infraestruturas deportivas hai que lles engadir outros 50.000 euros do mesmo plan para a mellora do Lalín Arena

11/04/2024

A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar unha nova axuda de 20.000 euros ao abeiro do Plan extraordinario de infraestruturas deportivas para o Concello de Lalín, que lle permitirá instalar pavimento sintético na pista de atletismo do estadio Manuel Anxo Cortizo. En total, este concello xa recibiu 70.000 euros para renovar infraestruturas deportivas municipais a través deste plan, xa que aos recursos que acaban de ser comprometidos hai que lles engadir outros 50.000 euros destinados a diferentes actuacións no Lalín Arena.

Esta nova achega de 20.000 euros do citado plan irá destinada a adquirir un tartán para as actividades de salto en altura con pértega, así como para colocar o caixón de apoio da pértega para a pista de atletismo do Manuel Anxo Cortizo. O tartán, cunha superficie aproximada de 426 m2, estará certificado pola Asociación Internacional de Federacións de Atletismo (IAFF), e o apoio da pértega estará fabricado con pranchas de aceiro e composto de caixón e tapa, para que as medidas cumpran coas da homologación da IAFF.

O Plan extraordinario de infraestruturas deportivas da Deputación, dirixido aos 59 concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes, mobilizou ata o momento preto de 1,4 dos 4 millóns de orzamento total, con achegas, ademais de para Lalín, para A Cañiza, A Estrada, Arbo, As Neves, Baiona, Barro, Cangas, Catoira, Cerdedo-Cotobade, Covelo, Crecente, Fornelos de Montes, Gondomar, Marín, Meis, Moraña, Pazos de Borbén, Poio, Redondela, Salceda de Caselas, Vilaboa e Vilagarcía de Arousa.