Luis López resalta a mobilización de máis de 4,2 millóns para a dixitalización, o fomento do comercio local e obras en estradas de concellos pequenos da provincia

O presidente da Deputación de Pontevedra amosou o seu “orgullo” pola colaboración provincial para contribuír á “modernización tecnolóxica dos concellos máis pequenos e a distribuír os recursos entre todos”

06/10/2023

Rafa Domínguez participou na presentación da nova temporada do equipo de balonmán Teucro

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, deu conta na rolda de prensa previa á celebración da Xunta de Goberno de cada venres da mobilización de máis de 4,2 millóns de euros en diversas iniciativas encamiñadas a mellorar a calidade de vida da veciñanza residente en concellos pequenos. Por un lado, aprobouse a adhesión de 31 novos concellos ao Proxecto de transformación dixital e modernización. Tamén obtivo luz verde o programa “Da túa man” (rural II)  destinado a fomentar a actividade comercial en once concellos rurais da provincia. Do mesmo xeito, o Goberno provincial colabora cos concellos de Silleda e A Lama para a execución de proxectos de mellora da seguridade viaria. “Creo que está quedando claro que somos un Goberno municipalista. Todos os concellos van ser durante este mandato os grandes protagonistas”, subliñou Luis López.

En primeiro lugar, a Xunta de Goberno aprobou a incorporación dun total de 31 concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia aos 19 municipios que xa se deran adherido a semana anterior ao Proxecto de transformación dixital e modernización dos concellos que conta cunha achega de 2,52 millóns de euros dos fondos europeos NextGeneration.

Detallou o presidente López que estas novas altas son as da Cañiza, A Guarda, A Illa de Arousa, Agolada, Arbo, Baiona, Bueu, Catoira, Cuntis, Dozón, Forcarei, Gondomar, Meis, Moaña, Mos, O Grove, O Rosal, Poio, Pontecesures, Portas, Ribadumia, Rodeiro, Salceda de Caselas, Sanxenxo, Silleda, Soutomaior, Tomiño, Valga, Vila de Cruces, Vilaboa e Vilanova de Arousa. “Síntome orgulloso por levar adiante este tipo de iniciativas, porque falamos dos concellos máis pequenos, porque implica a súa modernización tecnolóxica e porque os recursos se distribúen entre todos”, afirmou o dirixente provincial.

Os concellos tiñan que especificar na súa carta de adhesión que liñas queren desenvolver, das cinco que se van poñer en marcha ao abeiro deste proxecto. Así, destes novos 31 concellos, 22 solicitaron a plataforma de comunicación e xestión de incidencias,  17 o portal de transparencia, 22 o sistema automático de xestión de órganos colexiados, 20 o cadro de mandos de indicadores de Axenda Urbana e ODS e 27 a integración coa Carpeta Cidadá do Estado. Ademais, a máis demandada, solicitada pola totalidade dos municipios, foi a provisión de equipamentos informáticos intelixentes. En total, instalaranse 351 de tipo estándar, dotados con capacidades para o desenvolvemento das tarefas ofimáticas máis habituais, e 62 avanzados, con maiores capacidades para o desenvolvemento de tarefas técnicas que requiran prestacións superiores.

Tamén para dar apoio aos concellos rurais, a Xunta de Goberno sacou adiante o programa “Da túa man” (rural II), unha iniciativa que busca apoiar a actividade comercial nesas áreas. O proxecto conta cun orzamento de 500.000 euros, financiados pola Unión Europea,  e desenvolverase en 11 concellos da provincia: A Guarda, A Illa de Arousa, Catoira, Covelo, Crecente, Fornelos de Montes, Moraña, Oia, Pazos de Borbén, Portas e Vilaboa.

O plan nace coa vontade de darlle visibilidade e modernizar o pequeno comercio local adaptándoo aos novos hábitos de consumo. Faino a través da aplicación e uso das novas tecnoloxías e o desenvolvemento de prácticas que promovan a economía circular, así como unha mellora no acondicionamento dos espazos. O fin último destas actuacións é que o comercio de proximidade “teña máis capacidade para inxectar emprego, riqueza e prosperidade na provincia”, explicou o presidente da Deputación.

Entre as actuacións que se levarán a cabo están a convocatoria de obradoiros de xestión de negocios e de economía circular, a creación dunha rede de comercio local para integrar a todos os axentes e a dotación aos municipios de prazas de aparcamento para persoas con discapacidade. Ademais, delimitaranse as zonas comerciais con xardineiras, instalarase sinalización corporativa, habilitaranse contedores para a reciclaxe e de recollida selectiva, poñeranse en marcha dúas campañas de comunicación e promoveranse novos deseños de bolsas e mochilas sostibles para o comercio e a comunidade escolar.

Mellora da seguridade viaria en Silleda e na Lama

En materia de Infraestruturas, a Xunta de Goberno adxudicou as obras de mellora da mobilidade peonil na EP-7201 Cachafeiro-Silleda, no concello de Silleda, por un orzamento de 715.437 euros, que permitirán a creación dunha senda peonil na fronte urbana deste municipio. As obras fináncianse a través dun convenio no que a Deputación aporta o 80 % e o Concello, o 20%. Teñen un prazo de execución de 8 meses. A actuación central, como explicou o presidente provincial, “é a creación dunha senda peonil de 1,4 quilómetros na marxe esquerda da estrada, que unirá o núcleo de Toiriz coa conexión coa N-525, nun tramo que actualmente carece de beirarrúas”.

Ademais, as obras inclúen a renovación da capa de rodaxe da estrada, así como a instalación de pasos peonís sobreelevados, a creación dunha nova rede soterrada de recollida de augas pluviais e  dun treito de canalización de saneamento ao inicio do ámbito de actuación. Dotarase toda a senda de alumeado público con canalización soterrada e coa colocación de 40 novas columnas e luminarias LED de alto rendemento.

Por outra banda, o goberno provincial aprobou unha achega de preto de 105.000 € que beneficiará o Concello da Lama e coa que poderá financiar varias actuacións “destinadas a garantir a seguridade viaria e das persoas nestas dotacións públicas”, como subliñou Luis López. As obras previstas inclúen a execución de muros de contención en viarios dos lugares de A Igrexa (Gaxate), A Porteliña e Cornide (Antas) e Cambeses (Barcia de Seixo), traballos que beneficiarán a 17o veciños que viven nestes lugares, así como a reparación dos danos existentes no pavimento do Camiño de Abelaido a Ermitas e, por último, a reconstrución dun muro de pedra danado en Cambeses.

videos

audios