Mondariz-Balneario recibe 90.000 € da Deputación para reparar infraestruturas municipais

A institución provincial aproba estas achegas que permitirán reparar un muro de contención na confluencia dos ríos Tea e Xabriña e as instalacións do paseo de Troncoso

 

17/11/2023

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra acaba de aprobar unha axuda para o Concello de Mondariz-Balneario que lle permitirá reparar varias infraestruturas e instalacións municipais. O vicepresidente da Deputación, Rafa Domínguez, informou deste asunto polo que o Concello recibirá “preto de 90.000 € para reparar un muro de contención e o parque e área de lecer do paseo de Troncoso”.

No caso do muro de contención, este está situado no encontro entre o río Tea e mais o Xabriña. A construción non tiña zapata de apoio e non estaba armado, polo que sufriu un derrubamento. No que se corresponde co paseo de Troncoso, cambiarase o pavimento por un máis resistente ás inclemencias meteorolóxicas, ao estar o actual levantado por mor das augas. Tamén se limpará o pavimento de paso entre as áreas de lecer, repararanse o muro e o peche perimetrais do recinto, e substituiranse os xogos que se viron afectados polo paso da riada.

O vicepresidente Domínguez lembrou que só hoxe na Xunta de Goberno a Deputación mobilizou “máis de 1,5 millóns de euros para os concellos”. O vicepresidente asegurou que “seguimos a tender pontes con eles, destinando recursos directos para mellorar as súas infraestruturas, para modernizalos e avanzar na construción do noso modelo de provincia”.