Luisa Sánchez convida a gozar “dunha das grandes fins de semana musicais do verán” en Vigo grazas ao Galicia Fest

A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra visitou a montaxe do evento, que ofrecerá durante dous días “a mellor banda sonora para comezar o verán na cidade”

25/06/2026

Luis Sánchez na visita aos traballos de montaxe do Galicia Fest

A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, visitou os traballos de montaxe do Galicia Fest no Peirao de Transatlánticos de Vigo na véspera do comezo do festival. Acompañada da delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz; o director da División Comercial da Autoridade Portuaria de Vigo, David Castro; e do director do evento, Antonio Casal; a representante provincial destacou que a cidade se prepara para vivir “unha das grandes fins de semana musicais do verán”. “Contamos as horas para que o Galicia Fest converta Vigo nun punto de encontro para gozar coa nosa xente. O Galicia Fest é a mellor banda sonora para comezar o verán en Vigo”, remarcou.

Luisa Sánchez puxo en valor a dimensión do operativo que está a transformar o recinto portuario nun gran espazo para o goce cidadán. “A montaxe é realmente espectacular. Impresiona velo xa desde a distancia”, sinalou a vicepresidenta, que destacou a instalación dun escenario de máis de 18 metros de alto por 32 de ancho e dunha infraestrutura técnica de primeiro nivel para acoller un evento “á altura dos mellores festivais musicais do país”.

Luis Sánchez na visita aos traballos de montaxe do Galicia Fest

A responsable provincial tamén recoñeceu o labor das persoas que fan posible a celebración do evento. Desde a semana pasada, traballan nas tarefas de montaxe unha media de 25 profesionais ao día e, no seu conxunto, o Galicia Fest xera preto de 300 postos de traballo. Ademais da industria musical, salientou que a celebración dun festival deste nivel beneficia economicamente a outros sectores como a produción audiovisual, a seguridade, a hostalaría, o transporte ou a loxística.

“Ás veces só vemos os artistas que soben ao escenario, pero detrás hai un enorme equipo humano que merece ser recoñecido”, explicou Luisa Sánchez, quen recalcou que este tipo de eventos tamén contribúen á dinamización económica da cidade e da súa contorna.

Neste sentido, destacou igualmente a capacidade do festival para atraer visitantes. Segundo os datos da organización, arredor do 20% das persoas asistentes á edición no ano pasado procederon de fóra de Vigo, o que supón que máis de 1.200 visitantes chegarán á cidade atraídos polo evento. “O Galicia Fest non só ofrece música e entretemento, tamén contribúe a proxectar a imaxe de Vigo e a reforzar o seu atractivo turístico”, indicou.

Pola súa banda, Ana Ortiz apuntou que o Galicia Fest é o “vivo reflexo dunha prioridade absoluta” para a Xunta: o apoio firme e institucional á promoción cultural en Vigo. “Cremos firmemente no potencial creativo desta cidade. Vigo é unha urbe vibrante, aberta e en constante ebulición artística”, engadiu.

Luis Sánchez na visita aos traballos de montaxe do Galicia Fest

A representante autonómica tamén lembrou a implicación do Goberno galego coa axenda viguesa como unha aposta estratéxica sostida no tempo. “Desde a Xunta de Galicia seguimos impulsando grandes citas que vertebran a nosa identidade e atraen as miradas de miles de persoas. Eventos da envergadura como o festival de danza urbana Vigo Porté, as vibrantes citas xunto ao Atlántico de Son e Mar, a potencia da electrónica internacional no Wake Up, o inconfundible selo independente e ecléctico do Underfest, ou o inestimable altofalante para o talento mozo local que supón o certame Megaestrelas”, afondou.

Cartel variado e con representación local

Luisa Sánchez amosou a súa satisfacción por contribuír desde a Deputación á celebración dun festival “pensado para todos os públicos”, cun cartel que combina artistas locais, galegos, nacionais e internacionais. Nesta edición, o Galicia Fest reúne un total de quince actuacións repartidas entre o venres 26 e o sábado 27 de xuño.

A programación do venres contará coas actuacións de La Reina del Flow, Coti, Maryland, Miriam Rodríguez, Pablo Lesuit, Sabela e José de Rico. O sábado será a quenda de Álvaro de Luna, Juan Magán, Lori Meyers, Taburete, Carla Lourdes, Freddy Leis, Marlena e Vera Fauna. Luisa Sánchez subliñou a presenza de artistas galegos e vigueses, dando así cumprimento ao compromiso adquirido de dar visibilidade ao talento local.

A vicepresidenta tamén puxo en valor o emprazamento no que se desenvolve o evento. “Poucas cidades poden gozar dun festival como este nun entorno como o noso”, afirmou en referencia ao Peirao de Transatlánticos, situado fronte á ría e no corazón da cidade.

Finalmente, Luisa Sánchez sinalou que o Galicia Fest é “un magnífico exemplo do que somos capaces de conseguir cando as institucións colaboran cun obxectivo común”. Neste sentido, resaltou a cooperación entre a Deputación de Pontevedra, a Xunta de Galicia e a Autoridade Portuaria de Vigo para facer realidade un evento que consolida a Vigo como referente na organización de grandes acontecementos.

 

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 13 resultados.