O Museo impulsarase como destino do turismo cultural coa implantación desde xaneiro de 2023 da ferramenta Impactour

O Museo vén de participar nunha xornada en Toulouse na que se presentou un prototipo da aplicación, no que participan entidades de 11 países

07/12/2022

Impactour

O Museo de Pontevedra potenciará o ano próximo o seu rol como destino do turismo cultural. A partir de xaneiro o Museo disporá da ferramenta Impactour, desenvolvida desde xaneiro de 2020 dentro dun proxecto financiado con fondos do Programa de Investigación e Innovación Horizonte 2020 da Comisión Europea. O Museo vén de participar en Toulouse (Francia) na xornada anual de avaliación e seguimento do proxecto. Alí presentouse ás 12 entidades promotoras e 22 sitios piloto de 11 países de Europa un prototipo avanzado da ferramenta.

Paula Tilve, responsable da área de Público do Museo, asistiu á reunión en Toulouse, na que se destacou a importancia da participación do Museo de Pontevedra como sitio piloto para optimizar a ferramenta. “A aplicación definitiva lanzarase no mes de xaneiro e será de grande utilidade para o Museo, xa que nos axudará a establecer estratexias de mellora e permitiranos compararnos cos outros sitios europeos que participan no proxecto”, destaca Tilve.

A ferramenta servirá para aplicar no Museo unha metodoloxía avanzada e adaptable combinando algoritmos de análise de datos con enfoques de aprendizaxe automático e intelixencia artificial, coa finalidade de conseguir mellorar as políticas e accións en turismo cultural. Para a súa definición e configuración, o Museo e demais sitios piloto facilitaron datos de fluxo de visitantes, bens culturais, provisións de infraestrutura e indicadores económicos e sociais.

O desenvolvemento desta ferramenta é o eixo do proxecto Impactour, que continuará ata xuño de 2023. Servirá para medir o impacto do turismo cultural no crecemento económico rexional da UE e facilitará a xestión de destinos. O Museo de Pontevedra participa neste proxecto baixo a coordinación de Cultur Viajes, axencia da Fundación Santa María la Real. O Románico palentino e o Camiño de Santiago son os outros sitios piloto españois participantes. Xunto a eles, outros lugares de gran interese patrimonial de Portugal, Italia, Alemaña, Francia, Chipre, Croacia, Bosnia e Hercegovina, Grecia, Letonia e Estonia.

Esta proxecto ten como punto de partida a premisa de que o turismo cultural é un factor de crecemento económico e unha ponte entre as diferentes culturas no desenvolvemento das rexións europeas, feito que fai necesario un estudo sobre o seu impacto e unha avaliación das estratexias transfronteirizas empregadas para alcanzar un desenvolvemento sostible adecuado.

Galerias de imagenes

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 7 resultados.