A Deputación arranca no Museo de Pontevedra a terceira edición do curso de audicións comentadas ‘Olladas musicais’, que nesta ocasión incluirá música en directo

A profesora Sara Domínguez Lloria imparte esta formación en música clásica para público xeral, que comeza o 8 de abril e seguirá os mércores 22 e 29 de abril e 13 e 20 de maio

04/04/2026

A Deputación arranca no Museo de Pontevedra a terceira edición do curso de audicións comentadas ‘Olladas musicais’, que nesta ocasión incluirá música en directo

O Museo de Pontevedra pon en marcha a próxima semana a terceiro edición do curso ‘Olladas musicais: audicións comentadas’. Ao longo de cinco sesións, os mércores 8, 22 e 29 de abril e 13 e 20 de maio, escoitaranse e comentaranse composicións emblemáticas da historia da música que servirán como base para proporcionar un espazo de encontro cultural no que explorar, aprender e gozar da música clásica. Como novidade, dúas das sesións incluirán interpretacións musicais en directo.

O curso será impartido pola profesora Sara Domínguez Lloria, os mércores de 19:00 a 20:30 horas, no auditorio do Edificio Castelao. O acceso a cada sesión é libre. Ademais, entregaráselles un certificado de asistencia ás persoas que se inscriban previamente en reservas.museo@depo.gal e asistan como mínimo ao 70 % das sesións.

O obxectivo principal desta iniciativa impulsada pola Deputación de Pontevedra é promover o aprecio e a comprensión da música clásica entre a o público adulto. Para iso, cada sesión centrarase nunha composición e desenvolverase seguindo un esquema similar: primeiro farase unha introdución á obra, para logo realizar unha escoita de fragmentos representativos e a análise dos temas musicais. Abordaranse tamén historias e curiosidades, influencias diversas ou o contexto histórico, segundo o caso, e tamén a relevancia e legado da obra.

A sesión inaugural, o 8 de abril, centrarase en obras que fixeron da morte a súa inspiración, con pezas de Mozart, Saint-Saëns, Mahler ou Richard Strauss. O 22 de abril abordarase a práctica fascinante de transformar as letras do nome propio en notas e converter a identidade en materia sonora, con exemplos tomados de Bach, Shostakóvich ou Schumann. A última sesión de abril percorrerá algunhas das arias máis célebres da historia da ópera, nunha xornada que incluirá música en directo.

O curso retomarase o 13 de maio cunha sesión dedicada ao piano e a súa evolución desde que o inventou Bartolomeo Cristofori a principios do XVIII ata a súa consolidación como un dos instrumentos máis influentes da cultura musical occidental. O curso péchase o 20 de maio con Manuel Quiroga como protagonista, reivindicándoo como un dos grandes nomes do violinismo do primeiro terzo do século XX e como unha

personalidade esencial para o patrimonio musical galego. De novo esta sesión contará con música en directo.

O curso será impartido por Sara Domínguez Lloria, que foi tamén a encargada da dúas edicións anteriores. É licenciada en Música con especialidade en Piano, doutora en Educación pola Universidade de Vigo e cun mestrado en Teatro e Artes escénicas e outro en Dirección e xestión de centros educativos. Foi directora da Escola Municipal de Música de Santiago de Compostela e profesora da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago de Compostela. Desde 2021 é profesora na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte da Universidade de Vigo, no departamento de didáctica especial da área de didáctica da expresión musical.