A Deputación leva este sábado 4 de xullo a Meis o concerto de Louband dentro da programación da Feira Labrega

O espectáculo terá lugar no Campo da Feira do Mosteiro ás 21:30 horas no marco de +Música, o programa provincial dotado con 700.000 euros para colaborar cos concellos na súa programación cultural e difundir e fomentar a lingua e cultura galegas

30/06/2026

A Deputación de Pontevedra leva este sábado 4 de xullo a Meis o concerto de Louband, enmarcado na nova edición de +Música, o programa provincial que colabora cos concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia para apoiar a súa programación cultural e, con isto, difundir e fomentar a lingua e a cultura galegas. A actuación terá lugar no Campo da Feira do Mosteiro ás 21:30 horas e forma parte da programación da Feira Labrega.

Louband é unha formación creada en Sarria no ano 2017 cuxo espectáculo consiste na interpretación de arranxos propios sobre temas insignes da escena musical galega dende os anos 80 ata a actualidade, pasando por artistas como Andrés do Barro, Lamatumbá, Heredeiros da Crus, Monolius DOP, Siniestro Total e cancións do folclore galego, entre outros. Tamén se inclúen temas do panorama nacional e internacional dos 80s e 90s. Os arranxos pretenden achegar esas melodías á personalidade propia da Louband con estilos como Ska, reggae, rock, pop ou latino.

Este espectáculo é unha das 93 actuacións de +Música que se celebrarán entre os meses de maio e decembro en 58 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia. Este programa ten un orzamento de 700.000 euros, cos que o organismo provincial aboa os custos de caché dos espectáculos e impulsa a reputación de Pontevedra como un destino cultural de primeiro nivel. A través de +Música, a Deputación aposta pola descentralización da cultura e a programación de actos culturais de calidade por toda a xeografía provincial.