A Deputación arranxa pola vía urxente os danos do temporal na estrada Panxón-Patos

A institución provincial dedica 150.000 euros a reparar o muro de contención situado á altura da praia da Madorra na EP-2104 Panxón-Patos, en Nigrán, para garantir a viabilidade e a seguridade viaria no tramo afectado da calzada

16/11/2023

A Deputación de Pontevedra acaba de iniciar o procedemento de contratación por vía urxente da reparación do muro de contención situado na praia da Madorra, en Panxón, e que se corresponde cun treito da EP-2104 Panxón-Patos. A institución provincial dedicaralles a estes traballos un investimento de 150.000 euros para actuar nun treito de arredor de 250 metros.

A infraestrutura sufriu danos por mor dos temporais que se veñen sucedendo no último mes, concretamente durante a última semana de outubro, cando o muro se viu afectado gravemente e supón un risco para as persoas usuarias debido á preamar máxima que se rexistrou na zona. Ademais, por mor dos temporais, a cementación do muro de cachotería quedou no aire ao levar o mar toda a area da praia, e as rochas do fondo quedaron á vista. Os danos chegaron tamén á propia calzada, onde se produciu unha fenda lonxitudinal signo do seu afundimento. A consecuencia diso, e tendo en conta que podería colapsar nos próximos temporais, a Deputación de Pontevedra procedeu a cortar o tránsito peonil do paseo marítimo co que conta a estrada provincial e a desviar o tráfico rodado.

A actuación de emerxencia que vai acometer a Deputación garantirá a viabilidade do uso e a seguridade da estrada e evitará riscos de danos maiores antes de que se vexan afectados o resto do muro e mais o paseo marítimo. Repararase o muro, reforzarase a súa base e desmontarase a pasarela. No caso do muro, será necesario demoler e reconstruír as zonas afectadas así como enchelo de materiais adecuados. Tamén se reporá a rede de drenaxe e o paquete de firme na zona afectada.