O Pleno da Deputación aproba unha modificación de crédito de 11M€ para avanzar en Santa Clara, nas políticas de deporte e na recuperación do xacemento da Lanzada

Aprobáronse as mocións do Grupo Popular para reprobar e pedir a dimisión do ministro de Transportes, Óscar Puente, pola xestión das Infraestruturas e Servizos estatais e a discriminación á provincia e para solicitar ao Goberno que cumpra coa súa parte no Servizo de Axuda no Fogar

27/02/2026

O Pleno da Deputación aproba unha modificación de crédito de 11M€ para avanzar en Santa Clara, nas políticas de deporte e na recuperación do xacemento da Lanzada

O pleno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar este venres unha modificación de créditos por valor de máis de 11M€ de euros cos que o goberno provincial reservar máis de 10 millóns de euros para acometer as catas arqueolóxicas e as obras de rehabilitación do Convento de Santa Clara, un edificio pertencente ao Museo de Pontevedra. Nesta sesión plenaria correspondente ao mes de febreiro, aprobouse tamén a adxudicación do Sicted para os vindeiros dous anos por valor de 300.000 euros, así como a aceptación de tres axudas de subvencións de fondos europeos para proxectos cooperación transfronteiriza na contorna do Río Miño. Ademais, no apartado de mocións aprobouse cos votos favorables do Grupo Popular a reprobación e solicitude de dimisión do ministro de Transportes, Óscar Puente, pola xestión das infraestruturas e servizos de titularidade estatal na provincia, así como a reclamación ao Goberno de España que asuma o 50% do custo do SAF e abone a débeda acumulada de 2.900M€.

O principal acordo do pleno foi a aprobación da primeira modificación de crédito do presente exercicio económico, que recibiu luz verde grazas ao voto favorable dos deputados do PP e o BNG, malia o rexeitamento do PSOE. O documento serve para mobilizar máis de 11M€, procedentes principalmente de remanentes líquidos de tesourería e baixas por anulación de contraros, que se destinarán principalmente a dotar dos recursos necesarios para a execución das catas arqueolóxicas e as obras de rehabilitación do convento de Santa Clara. Así mesmo, con estes fondos a Deputación levará a cabo outras iniciativas como a subvencións a entidades deportivas para mellora de instalacións da súa titularidade, por valor de 1,8M€; a colaboración para a recuperación do xacemento arqueolóxico da Lanzada, en Sanxenxo, por 415.500€; ou a organización dunha etapa de La Vuelta a España feminina pola provincia (75.000€).

Nesta sesión tamén foi aprobada a adxudicación do Servizo de Implantación e Desenvolvemento do Sistema Integral de Calidade Turística en Destino, o SICTED, por un importe de 300.000€ para as dúas vindeiras anualidades, así como a aceptación de tres axudas de fondos do Poctep da Unión Europea para proxectos de colaboración transfronteiriza na contorna do Río Miño que, no tocante á Deputación, supoñen un investimento de 1,55M€, que se cobren nun 75 % con fondos europeos e o 25 % restante con recursos propios da Deputación. En concreto, estas subvencións correspóndense con dous proxectos nos que a Deputación é o beneficiario principal, como son o proxecto de Xestión e Transformación para a Eficiencia Enerxética e Sustentabilidade dos Edificios e o Innovación e coidados para unha vida activa no medio rural transfronteirizo; e outro no que é socio colaborador, o de “Espazos conservados na fronte da cooperación transfronteiriza e a sustentabilidade ambiental do río Miño”. Todos eles enmarcados no Programa de Cooperación Transfronteriza Interreg España-Portugal (POCTEP) 2021-2027, o maior programa de cooperación transfronteiriza da Unión Europea (UE), que conta cunha dotación financeira FEDER de mais de 320 millóns de euros.

No apartado de mocións, saíron adiante dúas propostas grazas ao voto favorable dos deputados do Grupo Popular, o voto en contra dos deputados do Grupo Socialista e a abstención dos do grupos do BNG. A primeira, cunha proposta de acordos centrada en reprobar, por parte da Deputación de Pontevedra, a xestión do ministro de Transportes y Movilidad Sostenible, Óscar Puente, respecto das infraestruturas e servizos de titularidade estatal na provincia de Pontevedra; así como para solicitar a súa dimisión pola acción política de maltrato e discriminación coa provincia de Pontevedra no desenvolvemento das súas competencias e dar traslado de dito acordo ao Ministerio de Transportes y Movilidad Sostenible.

A segunda, dirixida ao Goberno central, contou cunha proposta de acordos centrada no cumprimento do establecido na Lei de Dependencia e asumir o financiamento do 50% do custo dos servizos e prestacións, garantindo un reparto equitativo dos recursos entre o Goberno de España e as comunidades autónomas; o abono de maneira inmediata da débeda acumulada con Galicia, que acada os 2.900 millóns de euros, permitindo así fortalecer o sistema de atención á dependencia na nosa Comunidade; o incremento dos fondos destinados ás comunidades autónomas para a atención á dependencia, asegurando que todas as persoas con dereito a prestacións poidan acceder a elas sen demoras inxustificadas e, finalmente, o establecemento dun plan de financiamento estable e plurianual, que permita ás comunidades autónomas planificar e mellorar os servizos de dependencia con previsibilidade e seguridade orzamentaria. Pola contra, foron rexeitas as dúas propostas do PSOE para aprobar unha liña de axudas extraordinarias aos concellos afectados polos temporais e a instalación de medidas de calmado do tráfico na EP-0101 en Vilaboa ao seu paso polo núcleo de Acuña; así como a do BNG sobre políticas fronte ao machismo.

Outros acordos da sesión foron a prórroga do prazo de finalización das obras executadas polos concellos ao abeiro da segunda convocatoria do Plan Extraordinarios de Infraestruturas Deportivas, a modificación da ordenanza reguladora dos Rías Baixas Fest e a aprobación definitiva dos os proxectos definitivos do PON2030 de Ribadumia para a recollida de residuos e a mellora da seguridade viaria na estrada provincial que une Portosanto e Campelo coa PO-308, en Poio.

Galerias de imagenes

videos