A Deputación abre o prazo para que as entidades de iniciativa social soliciten subvencións para promover a igualdade e loitar contra a violencia de xénero

A liña de axudas, dotada con 200.000 euros, busca impulsar diferentes actividades de sensibilización, formación, emprendemento ou prevención, entre outras

08/02/2024

A Deputación de Pontevedra abre este venres 9 de febreiro o prazo para que as entidades de iniciativa social sen fins de lucro da provincia soliciten subvencións para desenvolver proxectos, programas e actividades centrados en conseguir a igualdade entre mulleres e homes e loitar contra a violencia machista na provincia durante 2024. A través desta liña de axudas —dotada con 200.000 euros, 50.000 máis que en 2023—, cada solicitante poderá recibir ata 7.000 euros, 1.000 máis que o pasado ano.

Con estes recursos, as entidades poderán impulsar actividades de sensibilización, formación e prevención da violencia de xénero; de atención integral de vítimas de violencia machista, fillas, fillos e persoas dependentes ao seu cargo; programas destinados a mulleres vulnerables; proxectos e actividades para fomentar a igualdade; proxectos encamiñados a mellorar a formación, o emprendemento e a inserción laboral das mulleres; e accións dirixidas a crear redes e servizos que favorezan a conciliación e campañas de difusión en materia de igualdade. As accións deberán realizarse durante 2024 e rematarán, en todo caso, antes do 31 de decembro deste mesmo ano.

Cada entidade de iniciativa social sen fins de lucro da provincia poderá presentar, a través da Sede electrónica da Deputación, unha única solicitude ao abeiro desta convocatoria e o prazo permanecerá aberto desde este venres 9 de febreiro ata o vindeiro 8 de marzo. Á hora da concesión valoraranse criterios coma a calidade do proxecto, a súa incidencia social ou os recursos e a capacidade de xestión da entidade.