Luis López remarca o apoio ao deporte e ao tecido asociativo da provincia coa colaboración para a organización da primeira Copa Deputación 2024 de Tatami Sports

O presidente provincial presentou esta competición, na que participarán 150 deportistas o 23 de marzo en Cerdedo, acompañado polo deputado de Xuventude, Jorge Cubela, e os dirixentes da Asociación de Boxeo de Pontevedra, organizadores do campionato

03/03/2024

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, acompañado polo deputado de Xuventude e Reto Demográfico, Jorge Cubela, presentaron a primeira edición da Copa Deputación de Tatami Sports, que promoven desde a Asociación de Boxeo de Pontevedra e a Hong Muaythai Academi, cuxos presidentes José Manuel Santiago e Antonio Garrido, respectivamente, participaron tamén na presentación destas probas.

A competición terá lugar o día 23 de marzo no pavillón municipal de Cerdedo, nunha xornada na que participarán máis de 150 deportistas chegados de distintos puntos de Galicia, con idades comprendidas entre os 4 e os 40 anos divididos en catro categorías. Esta disciplina deportiva inclúe catro modalidades de competición: point fight, light contact, kick light e K1 light. Catro campionatos que coroarán as persoas campioas da Copa Deputación destas modalidades de boxeo.

A colaboración na organización de campionatos dunhas disciplinas que cada ano aumenta o seu número de seguidoras, seguidores e practicantes na provincia supón unha nova mostra do compromiso da Deputación co fomento do deporte e coa apoio do tecido asociativo da provincia.

Ademais, para completar a programación, no mesmo escenario e día terá lugar o campionato galego de kick boxing. Unha competición na que tamén colabora a Deputación e que é puntuable para a clasificación para os campionatos nacionais que se celebran en Guadalaxara no mes de xuño.