A Deputación pon en marcha un programa para difundir e sensibilizar á cidadanía da provincia sobre a enerxía comunitaria, alcanzable e limpa

O programa consistirá nunha exposición itinerante polos concellos e na posta en marcha de laboratorios cidadáns para identificar melloras no ámbito local. Ademais contempla a convocatoria dos Premios Compromiso ODS Pontevedra

22/12/2023

Baixo o lema Think Global, Act Local (Pensa Global, Actúa Local) a Deputación de Pontevedra porá en marcha o proxecto “DEPO 2030. A provincia de Pontevedra coa enerxía comunitaria, alcanzable e limpa. Proxecto de concienciación e sensibilización sobre os ODS 7 e as comunidades locais de enerxía”. Trátase dun proxecto que difundirá e sensibilizará entre cidadanía da provincia os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS), grazas a unha axuda do Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030, que acaba de ratificar a Xunta de Goberno provincial, de 249.500 euros, que supón case o 60 % do orzamento total de 426.000 euros do programa. Ao abeiro do mesmo desenvolveranse tres grandes actividades: unha exposición itinerante, laboratorios cidadás e os Premios Compromiso ODS Pontevedra.

A exposición itinerante de concienciación sobre os ODS percorrerá as diferentes comarcas e municipios e estará concibida como unha auto-visita para a cidadanía. Contará con elementos como paneis de carácter informativo e interactivo, xogos e retos, nos que se abordarán de forma lúdica os ODS, facendo especial fincapé no número 7. Ademais, dentro do espazo expositivo desenvolveranse obradoiros con diversos colectivos sobre temas como aforro enerxético no fogar, enerxías renovables ou as comunidades locais de enerxía.

Por outra banda, desenvolveranse laboratorios cidadás en diferentes concellos coa finalidade de aproveitar a intelixencia colectiva para identificar melloras e solucións que se poidan poñer en marcha no ámbito local no relativo ao ODS 7. Estes, que se farán con perspectiva local nun principio e con visión global nunha segunda fase, rematarán cunha xornada na que se presentarán os resultados acadados.

Por último, convocaranse os Premios Compromiso ODS Pontevedra, que recoñecerán tanto a entidades como a persoas e asociacións referentes polo seu compromiso con algún dos ODS considerados como prioritarios na Estratexia 2030 na provincia de Pontevedra, como ás mellores propostas e compromisos cidadás recollidos no marco da exposición itinerante.