A Deputación destina 12.000 euros ao Concello de Tui para redactar o proxecto para a mellora da contorna do centro sociocultural de Areas
Trátanse de recursos do Plan +Provincia que este ano destina ao concello algo máis de 2 millóns de euros ao sumar 1,2 millóns de euros do 2026 e o adianto de 840.000 da liña de investimentos do 2027
10/08/2026
A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar unha achega por valor de 12.000 euros para que o Concello de Tui financie a redacción do proxecto de reordenación do espazo público e a mellora da mobilidade peonil na contorna do Centro Sociocultural e Deportivo de Areas. Trátanse de recursos do Plan +Provincia que este ano destina ao concello algo máis de 2 millóns de euros ao sumar 1,2 millóns euros do 2026 e o adianto de algo máis de 840.000 da liña de investimentos do 2027.
En concreto, actualmente, esta contorna de máis de 6.000 metros cadrados presenta un deseño mal estruturado, sen itinerarios peonís accesibles e ocupado indiscriminadamente polo tráfico rodado e os vehículos aparcados. Polo tanto, a meta principal da intervención que pretende realizar o Concello de Tui é recuperar este espazo público para a veciñanza, invertendo a xerarquía actual para poñer ao peón no centro do deseño.
Desta maneira, o proxecto a deseñar buscará reducir e concentrar o espazo destinado aos vehículos, creando unha zona de aparcadoiro ordenada; crear unha ampla zona interior de lecer e carácter exclusivamente peonil, garantindo a accesibilidade universal, e mellorar a integración paisaxística e ambiental mediante infraestruturas verdes e a adaptación ao relevo natural do terreo, e facelo empregando solucións sostibles de baixo custo de mantemento.