O vicepresidente da Deputación, Rafa Domínguez, na inauguración da XLII Semana Galega de Filosofía
06/04/2026
O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, asistiu esta mañá ao acto de inauguración da XLII Semana Galega de Filosofía, o encontro organizado pola Aula Castelao co que colabora a institución provincial e que xa se ten convertido “nunha cita ineludible e nun encontro único na cidade de Pontevedra”. Ata este venres 10 de abril polo encontro, que este ano se celebra no Pazo da Cultura, pasarán unha quincena de poñentes que debaterán sobre a relación da filosofía e o alimento. Trala inauguración oficial, o profesor arxentino Matías Bruera foi o encargado de dar a conferencia de apertura baixo o título “O discreto encontro do devorante”.
O programa desta edición número corenta e dous da Semana Galega de Filosofía conta con sesións de mañá, nas que abordará a temática deste ano desde o punto de vista filosófico e nas que haberá quendas de intervencións do público para que poidan compartir as súas reflexións e pareceres; de tarde, nas que se abordará a temática deste ano desde o ámbito galego, e de noite, momento para a divulgación. O vicepresidente provincial destacou que o encontro leva xa “máis de catro décadas reflexionando, xerando pensamento crítico e achegando a Pontevedra algúns dos nomes máis relevantes da filosofía contemporánea”.



