O vicepresidente da Deputación, Rafa Domínguez, na inauguración da XL Semana Galega de Filosofía

01/04/2024

Rafa Domínguez na inauguración da XL Semana Galega de Filosofía

O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, asistiu esta mañá ao acto de inauguración da XL Semana Galega de Filosofía, o encontro organizado pola Aula Castelao co que colabora a institución provincial e que xa se converteu “nun dos eventos máis relevantes do ano en Pontevedra e unha cita ineludible coa análise e a reflexión”. Ata este venres 5 de abril o encontro subirá ao escenario do Teatro Principal un total de 15 conferenciantes “de primeiro nivel” que debaterán sobre o concepto de tempo. Tras a inauguración oficial ―na que Domínguez estivo acompañado polo presidente da Aula Castelao, Alexandre Cendón, pola tenenta de alcalde do Concello de Pontevedra, Eva Villaverde, e pola vicerreitora do Campus de Pontevedra da Universidade de Vigo, Eva Lantarón―, a filósofa catalá Fina Birulés foi a encargada de dar a conferencia de apertura, na que se centrou na obra e pensamento de Hannah Arendt.

O programa desta edición número corenta da Semana Galega de Filosofía conta con sesións de mañá, nas que se abordará a temática deste ano desde o punto de vista filosófico e nas que haberá quendas de intervencións do público para que este poida compartir as súas reflexións e pareceres. Nas de tarde,  tratarase o tema desde o ámbito galego e, de noite, será o momento para a divulgación. O vicepresidente provincial destacou que o encontro consegue cada ano achegar a filosofía á rúa, “e que veña a xente escoitar, reflexionar e incluso compartir as súas reflexións e pareceres”.