Recepción ao ABP Sport de Kickboxing e Kickboxing inclusivo

04/02/2022

Kickboxing ABP Sport

O deputado de Deportes, Gorka Gómez, recibiu hoxe a unha representación do equipo pontevedrés de Kickboxing ABP Sport, que chegou ao Pazo Provincial encabezada polo seu presidente, José Manuel Santiago, e contou tamén con Javier Pazos, campión de España de Kickboxing inclusivo e unha escolma dos deportistas máis premiados do club como Ángela Iglesias, campioa de España Sénior; Giordano Lugaressi, campión galego; Eugenia Coll, bicampioa de España cadete e quinta do último Mundial; Alfonso Riqueza, campión de España júnior e Carmen Presa, bicampioa de España cadete.

Gorka Gómez aplaudiu a aposta polo deporte inclusivo do club pontevedrés e destacou que non existen deportistas discapacitados, senón con diferentes capacidades.

José Manuel Santiago aplaudiu o apoio da Deputación aos deportistas: “Hai institucións que apoian a clubs, pero poucas a deportistas e os nosos non poderían competir sen axudas como as das becas DepoDan e DepoPromesa”. Ademais enxalzou o valor da inclusión nos deportes de combate. Neste senso, Giordano Lugaressi relatou que hai apenas un ano enfrontábase a unha grave patoloxía e atopou no deporte unha vía para superala. De aí o lema que loce no seu chándal “Eu Si Podo”.

O Kickboxing é unha modalidade deportiva en auxe en España, onde pasou en pouco tempo de 15.000 a 35.000 licenzas. O equipo pontevedrés é o que conta con máis licenzas en Galicia e tamén é o segundo de España.

Galerias de imagenes

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 7 resultados.