A Deputación organiza a próxima semana cinco novos obradoiros de capacitación tecnolóxica da Rede SmartPeme+
De luns a xoves realizaranse accións telemáticas arredor de temas como o rexistro dunha marca, a ciberseguridade ou o deseño gráfico
30/11/2025
A Deputación de Pontevedra organiza esta semana cinco novos obradoiros de capacitación tecnolóxica ao abeiro da Rede SmartPeme+. As accións, en formato telemático (todas elas requiren inscrición previa), celebraranse do luns 1 ao mércores 3 de decembro e afondarán en cuestións de interese para o tecido empresarial da provincia como o rexistro dunha marca, a ciberseguridade ou o deseño gráfico, entre outros.
O luns 1 de decembro a partir das 12:00 horas celebrarase o primeiro obradoiro telemático dun completo itinerario sobre ciberseguridade organizado pola oficina de Barro. Coa formación “Ciberseguridade para PEMEs: comeza o teu itinerario seguro” as persoas participantes aprenderán as principais vías polas que pode entrar un ciberataque na súa empresa, así como os cambios operativos, de funcionamento e de infraestrutura necesarios para reducir riscos e evitar consecuencias graves. Tamén coñecerán as medidas de contención máis efectivas. A sesión será impartida por Manuel Tornos, asesor na propia oficina de Barro con máis de 30 anos en novas tecnoloxías, e as inscricións pódense realizar neste formulario.
Ese mesmo día ás 17:00 horas terá lugar o obradoiro en liña “Affinity by Canva I - Creación rápida” coordinado pola oficina de Ponteareas. Esta sesión introducirá aos participantes no deseño gráfico, da man de Guillermo Nass, técnico superior universitario en Deseño Gráfico Publicitario con experiencia en márketing dixital, que amosará como crear gráficos desde cero coa ferramenta creativa, profesional e de balde Affinity. As inscricións pódense realizar neste formulario.
O martes 2 de decembro ás 12:00 horas a oficina do Barro organiza o segundo obradoiro telemático “Ciberseguridade II - equipos: o primeiro paso para protexer a túa empresa” do seu itinerario sobre cibeseguridade. Nesta sesión as persoas participantes comezarán a aplicar medidas concretas para reforzar a seguridade da súa infraestrutura tecnolóxica, ademais de aprender boas prácticas para garantir a protección dos seus equipos e sistemas. Manuel Tornos será a persoa encargada de impartir este obradoiro e as inscricións para a mesmo pódense realizar neste formulario.
O mércores ás 12:00 horas desenvolverase o obradoiro en liña “Ciberseguridade III - móbil: evita riscos innecesarios” a través da oficina de Barro. Esta terceira sesión do itinerario de ciberseguridade, que conta novamente con Manuel Tornos como profesor, afondará nos dispositivos móbiles, unha das principais portas de entrada para ataques e fugas de información. As persoas participantes coñecerán como configuralos de forma segura, xestionar permisos, protexer datos sensibles e aplicar boas prácticas no seu uso diario. As inscricións pódense realizar neste formulario.
Tamén o mércores terá lugar o obradoiro telemático “Rexistro de marca: constrúe a túa identidade dixital para dominar o nicho” a partir das 18:00 horas organizado pola oficina de Vigo. A sesión aborda como converter unha idea inicial nun activo legalmente protexido, constituíndose nunha fase crucial do emprendemento, xa que senta as bases para preservar os dereitos sobre unha creación. As persoas participantes aprenderán as estratexias para blindar o seu negocio mediante o rexistro de marcas, patentes ou deseños, evitando copias e asegurando que só elas poidan explotar o valor único que desenvolveron. O obradoiro será impartido por Sabela Álvarez, licenciada en Comunicación, e as inscricións pódense realizar neste formulario.
A Deputación destina este ano 1,45 millóns de euros á Rede SmartPeme+ e Acelera Pyme Rural para asesorar persoas emprendedoras desde as oficinas de Barro, Cambados, Lalín, Ponteareas, Pontevedra, O Porriño e Vigo. Desde esta rede lévanse a cabo actividades formativas relacionadas co crecemento empresarial e a transformación dixital, asesorando a ata 2500 emprendedores, autónomos e pemes ao ano e impartindo arredor de 200 talleres formativos e actividades complementarias.