A Deputación organiza a próxima semana cinco novos obradoiros de capacitación tecnolóxica da Rede SmartPeme+

De luns a venres realizaranse accións telemáticas arredor de temas como a análise do mercado e da competencia, a importancia do embalaxe para o nadal, o emprego de Whastapp nos aloxamentos turísticos, a xestión das redes socias e o deseño 2D

23/11/2025

A Deputación de Pontevedra organiza a próxima semana cinco novos obradoiros de capacitación tecnolóxica ao abeiro da Rede SmartPeme+. As accións, en formato telemático (todas elas requiren inscrición previa), celebraranse do luns 24 ao venres 28 de novembro e afondarán en cuestións de interese para o tecido empresarial da provincia como a análise do mercado e da competencia, a importancia do embalaxe para o nadal, o emprego de Whastapp nos aloxamentos turísticos, a xestión das redes socias e o deseño 2D, entre outros.

O luns 24 de novembro celebrarase o obradoiro telemático "Organiza, planifica e programa os teus proxectos III - unindo Metricool e Notion" a partir das 12:00 horas organizado pola oficina de Ponteareas. As persoas participantes aprenderán a xestionar as redes sociais a un nivel avanzado, integrando Notion e Metricool para xerar un fluxo de traballo máis fluído e eficaz. A sesión será impartida por Guillermo Nass, licenciado en Deseño Gráfico Publicitario con experiencia no desenvolvemento de proxectos web, e as inscricións pódense realizar neste formulario.

O martes 25 de novembro ás 11:00 horas terá lugar o obradoiro en liña "Deseña en 2D: os teus primeiros bocetos con OnShape" coordinado pola oficina de Barro. Esta sesión introducirá os participantes no deseño técnico, na que Manuel Tornos, asesor na propia oficina con máis de 30 anos de experiencia en novas tecnoloxías, ensinará a crear bosquexos, manexar unidades e comprender os fundamentos do debuxo industrial. As inscricións pódense realizar neste formulario.

O mércores 26  de novembro ás 12:00 horas a oficina do Vigo organiza o obradoiro telemático "WhatsApp para aloxamentos turísticos". Nesta sesión, amosaranse as diferenzas entre WhatsApp Personal e WhatsApp Business, así como as vantaxes de usar a modalidade Business como ferramenta de márketing dixital para os aloxamentos turísticos. Patricia Cabaleiro, licenciada en Turismo, será a persoa encargada de impartir o obradoiro e as inscricións para a mesmo pódense realizar neste formulario.

O xoves 27 de novembro tamén ás 12:00 horas desenvolverase o obradoiro en liña "Preparación de última hora do packaging de nadal no teu negocio" a través da oficina de Lalín. Fátima Faílde, licenciada en Publicidade e Relacións Públicas con experiencia en comunicación corporativa, explicará como transmitir emoción, marca e identidade local a través das embalaxes. As persoas interesadas poden inscribirse neste formulario.

Finalmente o venres 28 de novembro celebrarase o obradoiro telemático "A importancia de coñecer o mercado e a túa competencia para crear negocio" a partir das 12:00 horas organizado pola oficina de Vigo. As persoas participantes aprenderán como analizar o mercado e identificar os competidores antes de lanzar un proxecto empresarial, para o que se abordarán ferramentas e técnicas para comprender as necesidades dos clientes, detectar oportunidades, avaliar tendencias e situarse de forma estratéxica fronte á competencia. A sesión será impartida por Sabela Álvarez, licenciada en Comunicación, e as inscricións pódense realizar neste formulario.

A Deputación destina este ano 1,45 millóns de euros á Rede SmartPeme+ e Acelera Pyme Rural para asesorar persoas emprendedoras desde as oficinas de Barro, Cambados, Lalín, Ponteareas, Pontevedra, O Porriño e Vigo. Desde esta rede lévanse a cabo actividades formativas relacionadas co crecemento empresarial e a transformación dixital, asesorando a ata 2500 emprendedores, autónomos e pemes ao ano e impartindo arredor de 200 talleres formativos e actividades complementarias.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 4 resultados.