A Deputación leva este luns o programa Son Verán á Cañiza da man dun concerto de Emilio Rúa
O músico ofrecerá o seu espectáculo de 25 aniversario no marco desta nova iniciativa provincial, formada por espectáculos de alta calidade artística en enclaves e espazos patrimoniais da provincia
16/08/2025
A Deputación de Pontevedra leva este luns 18 de agosto o novo programa provincial Son Verán á Cañiza da man dun concerto de Emilio Rúa. O músico ofrecerá o seu espectáculo de 25 aniversario na Praza Maior a partir das 22:00 horas no marco desta nova iniciativa provincial, un ciclo de 13 concertos entre os meses de agosto a outubro en enclaves e espazos patrimoniais e paisaxísticos dos concellos da provincia.
Emilio Rúa celebra o seu 25 aniversario desde a saída do seu primeiro disco no ano 2000 cun percorrido pola súa discografía con cancións coma "Vida miña" ou versións coma "A Carolina". Nos seus concertos actúa en solitario coa súa guitarra e harmónica, dun xeito intimista pero cheo de enerxía e sensibilidade. Emilio Rúa é unha das voces galegas máis recoñecidas. Na súa longa traxectoria conxugou con composicións propias a canción de autor, a música tradicional e o pop, publicou unha ducia de discos, realizou preto de 200 concertos e púxolles voz aos poemas das e dos grandes autores da nosa literatura.
Ademais da actuación de Emilio Rúa, o programa Son Verán inclúe concertos de Carlos Núñez, OperaConcert e o dúo composto por Teo Cardalda e María Monsonís, que actuarán proximamente nos concellos de Baiona, Cangas do Morrazo, Forcarei, Mondariz, Moraña, Poio, Ponteareas, Sanxenxo e Vilanova de Arousa. Son Verán é unha aposta da Deputación pola descentralización das actividades culturais ao longo de todo o territorio provincial, impulsando unha programación musical de primeiro nivel en todas as comarcas da provincia.