A Deputación de Pontevedra apoia con 15.000 euros á Banda Municipal de Caldas de Reis na súa participación no World Music Contest de Países Baixos

A institución provincial impulsa a proxección internacional da agrupación dependente da Asociación Mariñoleira e que conta con máis de dúas décadas de éxitos en certames nacionais e internacionais

25/03/2026

A Deputación de Pontevedra apoia con 15.000 euros á Banda Municipal de Caldas de Reis na súa participación no World Music Contest de Países Baixos

A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar unha subvención nominativa de 15.000 euros para a Asociación Cultural Mariñoleira para apoiar a participación da Banda de Música Municipal de Caldas de Reis no prestixioso Certame Mundial de Bandas, o World Music Contest (WMC), que se celebrará os días 1 e 2 de agosto do 2026 en Kerkrade, Países Baixos. Con esta colaboración, a Deputación de Pontevedra reafirma o seu apoio ás agrupacións musicais da provincia e a súa aposta por proxectar o talento cultural galego máis aló das fronteiras.

Así o comunicou o deputado de Cultura, Jorge Cubela, que subliñou o compromiso da Deputación coas iniciativas culturais da provincia e a importancia de apoiar a difusión internacional do talento musical pontevedrés. “Estamos orgullosos de apoiar á Banda de Música de Caldas de Reis nesta aventura musical de altura. É un recoñecemento á súa traxectoria e unha oportunidade para que a provincia brille nos coñecidos como Xogos Olímpicos da música de vento”, afirmou Cubela.

Fundada no 2005 baixo a dirección de Milagros Valiño Ferreiro e dirixida na actualidade por Javier Penido, a Banda Municipal de Caldas conta cunha longa traxectoria de éxitos en certames provinciais, autonómicos e internacionais. Entre eles destacan primeiros e segundos premios en eventos como o Certame Internacional de Bandas “Ciutat de Valencia”, o Certame Internacional “Villa de Aranda”, diversos Certames Galegos de Bandas de Música Populares, ou galardón á mellor banda nos Premios Martín Códax da Música 2025.