Tomiño acolle mañá a representación da peza de teatro sobre memoria histórica ‘A señora de Forcadela’

Baseada na vida da mestra Josefa García Segret, terá lugar ás nove da noite no auditorio de Goián .

Entrada libre ata completar capacidade.

11/03/2022

Obra 'A señora de Forcadela'  

A veciñanza de Tomiño poderá asistir mañá sábado a unha das actividades sobre memoria histórica que a Deputación, grazas ao seu programa de Memoria Histórica ‘O Pasado Por Vir’, está a levar pola provincia da man de concellos, asociacións e centros de ensino. O Auditorio de Goián acollerá a representación da peza teatral ‘A señora de Forcadela, que permitirá ás persoas asistentes achegarse dunha maneira diferente ás vivencias da represión e a ditadura.

‘A señora de Forcadela’ é unha historia baseada na biografía da mestra Josefa García Segret, extensiva á doutras mulleres represaliadas na Galiza a partir de xullo do 36:  foi detida o 15 de agosto e na prisión de  Tui salvou a vida grazas á axuda dun médico forense e dun doutor que aseguraron que estaba embarazada. Foi xulgada en Vigo por rebelión e condenada a pena de morte que se lle  conmutou por cadea perpetua, e despois a 6 anos e un día.

En 1982, Josefa García Segret publicou un libro  autobiográfico titulado ‘Abaixo as ditaduras’, editado por ela mesma, grazas ao que a día de hoxe se coñecen as súas vivencias. No libro explícase a vida dunha reclusa dunha maneira moi directa. Aínda que terminou a obra en 1976, a súa publicación —“polas circunstancias do momento”— tivo que agardar a 1982, catro anos antes da súa morte.

A peza teatral será representada ás 21 horas pola compañía teatral ‘Os Quinquilláns’, contando no elenco con Tero Rodríguez e Lucho Penabade. A entrada é libre ata completar capacidade.

Ademais desta actividade, o Concello de Tomiño tamén recibirá outra importante representación sobre memoria histórica grazas ao departamento provincial encabezado por María Ortega. O vindeiro 28 de maio, tamén no Auditorio de Goián, representarase a peza ‘Miss Docet’ a cargo de Compañía Eléctrica.

Galerias de imagenes

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 4 resultados.