A Deputación pon a funcionar este mércores os obradoiros de verán no Museo de Pontevedra, con prazas aínda dispoñibles no de animación de debuxos de Castelao e no de origami floral
Desenvolveranse en xullo e agosto e este ano inclúen obradoiros dunha mañá, para os que aínda hai prazas para esta semana e as vindeiras
30/06/2026
A Deputación de Pontevedra volve ofrecer no Museo de Pontevedra un amplo programa de obradoiros infantís para as mañás dos meses de xullo e agosto. Serán catro obradoiros con diferentes dinámicas e para dous deles, que se desenvolverán en grupos diarios, aínda quedan prazas: son un de animación stop motion a partir de debuxos de Castelao, con quendas o mércores, xoves e venres desta semana e do martes ao venres da vindeira, e un de origami floral, no que quedan prazas o 17 de xullo e o do 5 ao 7 de agosto.
Todos os obradoiros son de balde. O horario é de 11:30 a 13:30 h. O de animación está dirixido a nenas e nenos a partir de 10 anos e o de origami é a partir de 8 anos. A inscrición pode facerse a través da web do Museo: museo.depo.gal.
Animando a Castelao. Do 1 ao 3 e do 7 ao 10 de xullo. Con grupos diarios, este obradoiro impartido por Carmen Pintos ofrece sete oportunidades para que a rapazada participante se introduza na técnica de animación con recortes, a partir de debuxos de Castelao que forman parte da colección do Museo de Pontevedra. Dirixido a nenas e nenos a partir de 10 anos.
Flores que Brotan dos Cadros. O 14, 15 e 17 de xullo e do 4 ao 7 de agosto. Tamén con grupos diarios, neste obradoiro de origami que imparte Cristina Velasco Mora, as e os participantes aprenden diferentes técnicas para crear flores de papel inspiradas nas que se atopan en obras expostas no museo. Dirixido a nenas e nenos a partir de 8 anos.
A programación dos obradoiros de verán inclúe tamén outras dúas propostas en quendas semanais para as que xa se completaron as prazas: un de olería popular a cargo de Teresa Pece e outro de laboratorio escénico impartido pola Asociación Quecheconto.
