A Deputación de Pontevedra renova a súa colaboración con ARVI para promover a sexta edición do Vigo Sea Fest

Luisa Sánchez reafirma a aposta da institución provincial, que achega 55.000 euros a un festival que promove os produtos do mar e programa actividades para todos os públicos

24/06/2026

A Deputación de Pontevedra renova a súa colaboración con ARVI para promover a sexta edición do Vigo Sea Fest

A Deputación de Pontevedra volverá colaborar coa Cooperativa de Armadores de Pesca do Porto de Vigo (ARVI) na organización dunha nova edición do Vigo Sea Fest, o festival que converte cada verán a cidade olívica nun escaparate da excelencia dos produtos do mar e nun espazo de promoción do consumo de peixe.

A vicepresidenta da Deputación, Luisa Sánchez, o presidente de ARVI, Javier Touza, e o director xerente da cooperativa, Edelmiro Ulloa, mantiveron un encontro na sede provincial de Vigo no que abordaron os detalles desta colaboración institucional, que ambas entidades formalizarán mediante a correspondente sinatura do convenio. Así, a administración provincial achegará 55.000 euros á cooperativa para a organización do evento, que celebrará a súa sexta edición entre os días 9 e 12 de xullo.

Luisa Sánchez destacou a importancia de apoiar unha iniciativa que pon en valor un dos sectores estratéxicos da provincia, conecta o porto e a cidade, e que promove hábitos de alimentación saudables. “O Vigo Sea Fest é un evento gastronómico e cultural que se ten convertido nunha ferramenta eficaz para difundir os beneficios do consumo de peixe e achegar á sociedade o papel fundamental que desempeña o sector pesqueiro na economía de Vigo”, sinalou.

O Vigo Sea Fest consolidouse nos últimos anos como un dos principais festivais vinculados ao mar e á gastronomía pesqueira de Galicia, reunindo miles de visitantes arredor dunha programación que inclúe degustacións, demostracións de cociña, actividades familiares e actuacións musicais. O evento ten como principal finalidade promover o consumo de produtos pesqueiros e divulgar os seus beneficios nutricionais, ao tempo que pon en valor o traballo da frota e da cadea mar-industria.

Galerias de imagenes