O presidente da Deputación visita en Vilanova de Arousa a exposición coa que a Asociación Cultural Terra de Cardos inicia a súa andaina no Salnés

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, fixo un percorrido, no Auditorio Valle-Inclán de Vilanova de Arousa, pola exposición coa que a Asociación Cultural Terra de Cardos inicia a súa andaina no Salnés.

08/01/2024

Luis López na exposición coa que a Asociación Cultural Terra de Cardos

Durante a visita, López enxalzou a relación entre a vila e a cultura, berce de escritores da altura de Valle-Inclán ou dos irmáns Camba, e tamén o dinamismo de entidades vinculadas a esta localidade coma Terra de Cardos, que comeza a funcionar con esta exposición homónima que recolle a obra de vinte e dous fotógrafos da contorna arousá, os cales asinan máis de cen imaxes.

Luis López felicitou as e os fotógrafos e a asociación cultural pola coidada selección das fotografías, “de forte carga emocional e artística, que achegan unha fermosa mirada do mundo, de lugares de aquí, da provincia, de Galicia, coas nosas xentes, costumes e paisaxes, pero tamén doutras culturas e partes do planeta”.  Ademais, o presidente relacionou a visión de Terra de Cardos sobre a cultura coa que ten o Goberno provincial: “Unha cultura de todos e para compartir con todos, accesible, aberta, multicultural, diversa, para construír sociedades máis libres e co poder de configurar un retrato do que somos como territorio, como colectivo e como provincia”.

Galerias de imagenes