Sanxenxo avanza na súa transformación urbana e viaria con achegas da Deputación que suman 1,1 millóns

Os deputados Santos Héctor e Gregorio Agís visitaron co alcalde, Telmo Martín, a recuperación da contorna de Portonovo, financiada co Plan DepoRemse, así como as melloras na Rúa Unión e no viario de Vinquiño-Contumil, co Plan Concellos

21/03/2023

Visita obras en Sanxenxo

O Concello de Sanxenxo segue a avanzar na súa transformación urbana e viaria con tres ambiciosas actuacións que contaron cun importante investimento da Deputación, por un total de 1,1 millóns de euros. Os deputados provinciais Santos Héctor e Gregorio Agís veñen de visitar xunto ao alcalde, Telmo Martín, estes traballos que supuxeron a humanización da contorna do colexio e o mercado de Portonovo, que recibiu 500.000 euros do plan extraordinario DepoRemse, así como a recuperación da Rúa Unión e as súas transversais, e a pavimentación do vial de Vinquiño-Contumil en Nantes, que contaron con sendas achegas do Plan Concellos 2021 por 337.713 euros e 287.277 € respectivamente.

O deputado de Infraestruturas, Gregorio Agís, quixo subliñar a calidade das actuacións realizadas. No caso das executadas na contorna da rúa Areal e Espiñeiro coa financiación do DepoRemse destacou que “é unha obra de vangarda na medida en que se axusta aos parámetros e á filosofía deste extraordinario plan de recuperación do espazo público, creación de contornas peonís, accesibilidade universal e iluminación sostible, e que pon en valor este espazo tan concorrido, no que se atopan o mercado e o colexio”. Neste senso, felicitou ao Concello por apostar por este tipo de intervencións, como as realizadas tamén a través do Plan Concellos que “supuxeron unha transformación en zonas que requirían unha actuación importante”. “É un pracer traballar co Concello nestas iniciativas que compren co nivel de esixencia que temos desde a Deputación nestas intervencións e que contribúen á mellora das contornas, tendo sempre presente a importancia de que as persoas son o primeiro e a seguridade peonil é fundamental”, sinalou.

Pola súa banda, o alcalde Telmo Martín aludiu á transformación que teñen suposto as tres actuacións visitadas, sinalando que no caso da realizada en Portonovo hai un antes e un despois: “este espazo non ten nada que ver co que había antes”. Destacou tamén a importancia da mellora do viario de Vinquiño-Contumil e a intervención na rúa Unión, “que se encontraba nun estado lamentable a pesar da súa situación no centro urbano, e actuouse moi ben”. O rexedor agradeceu o apoio da Deputación para poder levar a cabo os proxectos presentados polo Concello “cumprindo os seus parámetros, que non son outra cousa que gañar espazo para as persoas; iso é o que estamos a facer” coa continua colaboración entre ambas administracións: “As administracións debemos colaborar entre nós –dixo-. Non deben importar as cores políticas, porque os veciños e veciñas o que están mirando é que se lle melloren as situacións. E espero que sigamos colaborando neste sentido”.

As actuacións

No caso das obras de recuperación do espazo público da contorna de Portonovo, supuxeron a reurbanización completa da contorna do colexio, en concreto a rúa Areal, a travesía do mesmo nome e a rúa do Espiñeiro, na contorna do Mercado de Abastos a través do DepoRemse. Nelas reemprazáronse as estreitas beirarrúas existentes por amplos espazos peonís, con novo mobiliario urbano e arborado. Ao redor da praza de abastos o tráfico resolveuse cun carril único pavimentado en lastro e a explanada do aparcamento quedou integrada esteticamente, substituíndo o asfalto por pavimento de celosía de lousa-xardín. Os traballos completáronse coa renovación dos servizos de abastecemento, saneamento e iluminación, con tecnoloxía led, e telecomunicacións e electricidade.

No que atinxe á recuperación da rúa Unión e transversais, nas inmediacións da Casa Consistorial de Sanxenxo, a actuación converteunas en zonas accesibles e amables para as persoas. Abordouse a renovación do saneamento para, a continuación, dotar dun novo pavimento en pedra e implantar actuacións para garantir a accesibilidade. Os traballos incluíron a reparación das escaleiras de granito, así como a colocación de papeleiras e bancos, a renovación do saneamento e a instalación dunha nova iluminación, con luminarias tipo led de aluminio coas que se logra maior eficiencia enerxética. Así mesmo, colocáronse en distintos puntos macetas de diferentes cores para o axardinamento da zona con variadas especies e plantas, que axudan a mellorar a imaxe desta céntrica contorna.

Por outra banda, a pavimentación do viario de Vinquiño-Contumil, situado na parroquia de Nantes, permitiu mellorar singularmente a seguridade viaria nesta transitada estrada, que transcorre polas inmediacións do colexio de Nantes, as instalacións do Centro Cultural Deportivo de Sanxenxo, a Casa da Cultura e unha zona con parque infantil, e que se atopaba nun deficitario estado. Coas obras transformouse esta pista nun viario de 8 metros, cunha senda de dous metros de ancho e formigón coloreado, amais de mellorarse a rede de saneamento e da instalación dunha rede de pluviais, da que carecía. Tamén se dotou de alumeado público (con 35 farois) en todo o percorrido e creouse unha zona de descanso con bancos e árbores.

Galerias de imagenes

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 5 resultados.