A Deputación de Pontevedra destina 105.000 euros para renovar o parque infantil de San Antoniño, en Barro
O deputado provincial Ricardo Martínez visitou as instalacións e anunciou que este venres se aprobará en Xunta de Goberno unha achega do Plan +Provincia para esta actuación
25/06/2026
O deputado provincial Ricardo Martínez visitou este xoves Barro, onde anunciou que a Deputación de Pontevedra se encargará de financiar con 105.000 euros a renovación do parque infantil de San Antoniño. A Xunta de Goberno do organismo provincial aprobará este venres os recursos para esta actuación, enmarcados no Plan +Provincia 2026-2027 que destinará a Barro 876.991 euros sumando as catro liñas de 2026 e a liña 1 de 2027, á que este ano se pode acceder anticipadamente.
Cos recursos provinciais o Concello de Barro vai mellorar a calidade de vida das familias de San Antoniño, ofrecendo un espazo máis seguro e moderno para os menores e adaptado á normativa vixente de seguridade dos parques infantís. En concreto, as actuacións pasan pola retirada dos xogos existentes, do pavimento de caucho e do céspede artificial, así como a demolición da soleira de formigón e bordo prefabricado, a preparación da superficie e execución de nova soleira de formigón, a restauración da varanda existente e execución dun acceso zigzag. Ademais, instalaranse novos elementos de xogo e mobiliario urbano, executarase un pavimento absorbente de impactos de caucho, e, por último, instalarase céspede artificial.
Ricardo Martínez, puxo en valor que cos recursos provinciais “estamos dando resposta ás demandas dos concellos, que poden facer realidade proxectos que melloran a calidade de vida da súa veciñanza”. Neste sentido, o deputado sinalou que a través de plans como o +Provincia, a Deputación “está a transformar os concellos, con actuacións que modernizan os seus equipamentos e dotacións, neste caso dirixidas aos máis cativos, para adaptalos ao século XXI”.

