A Deputación abre este luns o prazo para solicitar as visitas a granxas escola do programa Vive o Rural

Esta iniciativa posta en marcha polo goberno de Luis López conta cun orzamento de 80.000 €, 20.000 € máis que o ano pasado, respondendo á grande acollida das dúas primeiras edicións

30/11/2025

A Deputación de Pontevedra abre este luns 1 de decembro o prazo para solicitar as visitas ás granxas escola da provincia no marco do programa Vive o Rural. Esta nova edición desta iniciativa posta en marcha polo goberno de Luis López, na que poderá participar o alumnado dos centros escolares públicos dos concellos de menos de 20.000 habitantes, contará este ano con 80.000 euros. Trátanse de 20.000 € máis de orzamento respecto á segunda edición do programa, en resposta á grande acollida da convocatoria e para dar cabida a un maior número de beneficiarios.

Poderán gozar do programa Vive o Rural tanto os propios centros (de educación infantil, primaria e secundaria) como as ANPA legalmente constituídas, que recibirán ou máximo de 1.250 euros (25 € por alumno ata un máximo de 50) co obxecto de financiar o custo das entradas ás instalacións (que poden incluír a comida) e os gastos de desprazamento en transporte colectivo. As solicitudes poderanse realizar durante o período de vixencia da convocatoria ata o esgotamento do crédito dispoñible., e as saídas realizaranse en calquera das cinco granxas escola situadas na provincia: Serantellos (en Cambados), Fervenzaventura (en Silleda), Kiriko (en Fornelos de Montes), Corazón de Carballo (en Tomiño) ou Río Mouro (en Poio).

Nas saídas de Vive o Rural realizaranse actividades de toma de contacto cos animais, labores da horta, obradoiros educativos ou xogos, todas elas coa finalidade de que a rapazada se achegue á realidade das actividades agrícolas e gandeiras e adquira coñecementos prácticos sobre a produción local, as características dos cultivos, a vida dos animais, o coidado do medio natural e a valorización do sector primario. Ademais, neste programa provincial tamén se afondará na posta en valor do mantemento da biodiversidade, da paisaxe e da tradición agraria como elemento de identidade da cultura da provincia. Ata a data foron xa 3.900 nenas e nenos e mozas e mozos da provincia os que gozaron deste programa de saídas educativas a granxas escolas.