Programa ambiental
"Vive o rural"
2027
A Deputación de Pontevedra, a través do Servizo de Xuventude e Reto Demográfico, pon en marcha a cuarta edición do programa ambiental “Vive o rural”, dirixido ao alumnado de educación infantil, primaria e secundaria obrigatoria (ESO) de centros educativos públicos e concertados dos concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia para realizar saídas educativas a granxas escola da provincia de Pontevedra e servir de apoio ao labor que se desenvolve nos centros escolares.
O programa ten como finalidade ofrecerlles ás rapazas e rapaces a oportunidade de realizar actividades alternativas e de calidade para o seu lecer e tempo libre, así como para coñecer e descubrir lugares da súa contorna, achegarse á realidade das actividades agrícolas e gandeiras e adquirir coñecementos prácticos sobre a produción local, as características dos cultivos presentes na contorna, a vida dos animais que habitan nela, o coidado do medio natural e a valorización do sector primario, poñendo sempre en valor o mantemento da biodiversidade do territorio, da paisaxe e da tradición agraria como elemento de identidade da nosa cultura.
As entidades destinatarias destas axudas son:
- Os centros públicos e concertados de educación infantil, primaria e ESO que teñan a súa sede nalgún concello da provincia de Pontevedra cunha poboación inferior a 50.000 habitantes.
- As anpas dos centros educativos antes indicados.
A contía máxima destinada a esta convocatoria é de cento vinte mil euros (120.000,00 €).
O importe máximo subvencionado por entidade beneficiaria será de mil douscentos cincuenta euros (1.250,00 €), o que supón unha subvención máxima de vinte e cinco euros (25,00 €) por alumna ou alumno ata un máximo de 50 estudantes por centro educativo ou anpa, agás nos centros que cumpran os seguintes requisitos, nos que o importe máximo que se subvencionará será de corenta euros (40,00 €):
- Ter menos de 50 alumnas e alumnos matriculados no global do centro.
- Contar cun máximo de 30 participantes na actividade.
Serán subvencionables aqueles gastos que de xeito indubidable respondan ao obxecto do programa, resulten estritamente necesarios para levalo a cabo e financien actividades desenvolvidas ata o 31 de decembro de 2027. As axudas deberán destinarse a financiar:
- O custo da entrada ás granxas escola para desenvolver unha saída ambiental dun día.
- Os gastos de desprazamento en transporte colectivo de ida e volta entre o centro docente e a granxa escola para realizar a visita de educación ambiental.
O prazo de presentación de solicitudes será do 19 de outubro ao 27 de novembro de 2026.
O procedemento de concesión destas axudas será en réxime de concorrencia non competitiva ata esgotar o crédito dispoñible. A tramitación das solicitudes axustarase á seguinte orde de prioridade:
- En primeiro lugar, os centros educativos públicos e as anpas ligadas a estes.
- En segundo lugar, os centros educativos concertados e as anpas ligadas a estes.
Dentro de cada grupo, as solicitudes ordenaranse segundo a súa data e hora de entrada no rexistro electrónico.
Nos casos nos que se requira a emenda de erros ou omisións na solicitude ou na documentación achegada, entenderase como data de entrada no rexistro aquela na que o requirimento fose correctamente atendido.
Cando non se dispoña de crédito suficiente para atender a última solicitude coa cantidade solicitada, o crédito esgotarase nela coa cantidade de axuda que resulte, sempre que o centro educativo o acepte de xeito expreso, logo da súa comunicación por parte do Servizo de Xuventude e Reto Demográfico.
As solicitudes que, aínda que cumpran todos os requisitos, non poidan ser atendidas por esgotarse o crédito, formarán parte dunha lista de agarda, que se utilizará para asignar novas axudas, en caso de que houbese renuncias e, polo tanto, crédito adicional dispoñible.
Ligazóns de interese
Documentos
-
Catálogo (Pdf)
-
Acordo da Xunta de Goberno da 1ª concesión de subvencións 2026 (10/03/2026)
-
Resolución presidencial da 2ª concesión de subvencións 2026 (10/04/2026)
-
Resolución presidencial da 3ª concesión de subvencións 2026 (11/09/2026)
-
Corrección de erro na 3ª concesión 2026 (15/09/2026)
-
Resolución presidencial da 4ª concesión de subvencións 2026 (30/09/2026)