Luis López confirma recursos por valor de preto de 400.000 € para mellorar campos de fútbol en Moaña e Nigrán ao abeiro do III Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas
Luis López: “Dous exemplos máis de como este programa provincial, que reparte 8 millóns de euros entre os concellos de menos de 50.000 habitantes, nos está axudando a construír a provincia do deporte na que queremos que se converta Pontevedra”
27/03/2026
O Deputación de Pontevedra acaba de aprobar destinar preto de 400.000€ para que os concellos de Moaña e Nigrán melloren campos de fútbol dos seus termos municipais ao abeiro do III Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas. “Dous exemplos máis de como este programa provincial, que reparte 8 millóns de euros entre os concellos de menos de 50.000 habitantes, nos está axudando a construír a provincia do deporte na que queremos que se converta Pontevedra”, subliñou o presidente Luis López.
Ao detalle, o organismo provincial destinará 195.000€ euros a Moaña que permitirán asumir o 40% do orzamento da actuación de reforma do campo de fútbol da Granxa de Domaio. En liñas xerais, con estes recursos substituirase o céspede artificial por un novo sistema de altas prestacións, sen cargas nin recheos, que mellorará a seguridade e a calidade do terreo de xogo. Ademais, inclúese a mellora do sistema de rego, que será automatizado e contará con novos elementos como canóns emerxentes, así como a renovación do alumeado deportivo mediante tecnoloxía LED de alta eficiencia enerxética. As actuacións tamén abranguen a reposición do equipamento deportivo, así como a execución de novas canalizacións eléctricas e hidráulicas, garantindo o correcto funcionamento das instalacións.
Pola súa banda, Nigrán recibirá case 190.000 € que permitirán cubrir o 57% do orzamento de renovación do céspede artificial e da mellora das instalacións do campo de Condomínguez. Neste caso, o proxecto contempla a substitución do céspede artificial existente por un novo sistema de altas prestacións con certificación FIFA. Ademais, prevense traballos de reparación e regularización puntual das zonas que presenten irregularidades e inclúese a limpeza do sistema de drenaxe e a renovación do sistema de rego.
