A Deputación organiza unhas xornadas informativas para que as empresas do Morrazo e de Pontevedra se sumen ao Sistema Integral de Calidade Turística en Destinos

A deputada provincial Nava Castro presidiu a xornada en Marín e nela detallou as vantaxes de formar parte deste proxecto “que mellora a competitividade das empresas e potencia a excelencia das Rías Baixas como destino turístico”

06/03/2024

Xornadas de sensibilización SICTED en Marín

A Deputación de Pontevedra acaba de realizar en Marín unhas xornadas de sensibilización, captación e información do Sistema Integral de Calidade Turística Española en Destinos (SICTED). Con esta iniciativa, a institución provincial deulles a coñecer ás empresas das comarcas do Morrazo e de Pontevedra, neste caso nun encontro telemático, as principais vantaxes de formar parte dun proxecto "co que estamos a alcanzar un nivel de calidade homoxéneo no noso territorio, mellorando a competitividade das empresas e potenciando a excelencia das Rías Baixas como destino turístico", asegurou a deputada provincial Nava Castro.

O SICTED trátase dun programa da Secretaría de Estado de Turismo ao que está adherida a Deputación de Pontevedra como xestora do destino Rías Baixas baixo o paraugas de Turismo de Galicia. Cumprir cos requisitos marcados por este sistema de calidade leva consigo para as empresas acadar o distintivo "Compromiso de calidade turística", un selo co que se distinguen fronte á competencia e acreditan o esforzo realizado e o compromiso coa calidade e coa mellora continua.

Este programa de calidade está aberto a empresas que integran a propia oferta turística (hoteis, restaurantes, axencias de viaxe…) e tamén a aquelas que, sen ser estritamente do sector, contribúen a formar a experiencia turística no destino (taxis, seguridade cidadá…). Non ten custo para as empresas e os seus beneficios son cuantiosos, xa que internamente lles permite mellorar a estrutura dos procesos e recibir unha completa formación e, a nivel externo, contar cunha rede de apoio e ser parte dun proxecto nacional.

A Deputación de Pontevedra leva desde 2005 traballando no SICTED e un ano despois xa eran vinte os servizos turísticos da provincia que tiñan esta distinción, entre eles a oficina de Turismo Rías Baixas. Desde entón, sumáronse ao proxecto entidades de diversos sectores, ata chegar aos 343 establecementos e servizos que na actualidade contan co distintivo de "Compromiso de calidade turística" no destino provincia de Pontevedra, o que a converte no primeiro en número de empresas distinguidas a nivel nacional. Das comarcas de Morrazo e de Pontevedra están a participar no proxecto do SICTED que lidera a institución provincial empresas de Barro, Bueu, Campo Lameiro, Cangas, Cerdedo-Cotobade, A Lama, Marín, Moaña, Poio, Ponte Caldelas, Pontevedra e Vilaboa.

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 5 resultados.