A Deputación investirá 873.700 euros en 20 estradas provinciais das contornas de Pontevedra e Vigo e da comarca do Morrazo

Este investimento enmárcase no acordo marco de obras de conservación de firmes na rede viaria da Deputación que ascende a máis de 4,4 millóns de euros para o conxunto da provincia

19/07/2025

A Deputación de Pontevedra investirá 873.700 euros en 20 estradas provinciais que atravesan Bueu, Campo Lameiro, Cangas do Morrazo, Cerdedo-Cotobade, A Lama, Moaña, Moraña, Poio, Pontevedra, Redondela e Vilaboa. Este investimento enmárcase no acordo marco de conservación de firmes na rede viaria da Deputación cuxos seis lotes acaban de ser adxudicados e ascenden a máis de 4,4 millóns de euros. “Seguimos sumando recursos para a mellora das estradas provinciais, vías fundamentais na vertebración do noso territorio, para garantir que os 1.700 km destas infraestruturas estean en condicións axeitadas de seguridade e avanzar, así, na mellora da calidade de vida da nosa veciñanza”, asegurou o presidente provincial Luis López.

En concreto, nas contornas de Pontevedra e de Vigo e na comarca do Morrazo as actuacións abranguen traballos nas estradas EP-0004 Marcón-Pintos-A Reigosa, EP-0014 O Tombo-O Salgueiral, EP-0018 Xeve-Amil-A Espedregueira, EP-0105 Bértola-A Ramalleira-N-550, EP-0306 Ponte do Verdugo-Cambeses-A Barcia, EP-0401 Carballedo-Caroi, EP-0413 Paraños-Piscifactoría, EP-0406 Vilanova-Tenorio, EP-0602 Portosanto-Lourido-Campelo, EP-1001 Cangas-Coiro-A Madalena, EP-1008 O Hío-Vilanova, EP-1103 San Bieito-Domaio, EP-1102 Meira-Fraga, EP-1304 Bueu-Igrexario de Cela, EP-1305 Igrexario de Cela-O Outeiro-Bueu, EP-2901 Cesantes-O Viso-Alxán, EP-2904  Redondela-A Portela, EP-8201 Moraña-Santa Xusta-Couso, EP-8203 O Souto-Igrexa de Lamas e EP-8302 O Couso-Agueiros, onde se desenvolverán dous tipos de actuacións: por unha banda, nalgunhas estradas levaranse a cabo traballos de fresado do firme para despois repor a capa de rodadura e, noutras, executarase unha capa de microaglomerado en frío.

As obras a realizar nestas estradas provinciais abranguen tamén escavacións, levantado de firme e/ou beirarrúas, saneos, fresados, recrecidos de pozos de rexistro, e, entre outras moitas actuacións, instalación de tubos. Ademais, en todas as actuacións nas que sexa necesario, procederase á reposición da sinalización horizontal.

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 6 resultados.